O certificado Covid non decae: o TSXG autoriza prorrogar a obriga de presentalo para acceder á hostalaría

O TSXG invalidou a exixencia do certificado Covid na hostalaría porque o Goberno galego non o solicitara (Foto: Úrsula Prego).
O pasaporte tamén será requirido para as persoas acompañantes de ingresados en hospitais e residencias e para entrar en ximnasios, piscinas cubertas e albergues turísticos.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a prorrogar en todo o territorio até o próximo 12 de febreiro a esixencia de presentar o pasaporte Covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería e de lecer nocturno durante todo o horario de apertura.

Autoriza ademais estender o uso do pasaporte para acceder a ximnasios e piscinas cubertas, a eventos multitudinarios, a lugares nos que se venda comida e bebida e a albergues turísticos. Ademais, a documentación será requirida ás visitas dos doentes ingresados en hospitais e residencias.

Ao coidado da saúde pública

A Sala destaca que esta medida se manterá "o tempo imprescindíbel para mellorar a situación epidemiolóxica" da Galiza, a cal "se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico". Ademais, salienta que o seu propósito é "defender a saúde pública malograda pola pandemia".

No auto, os maxistrados aseguran que, tal e como se fundamenta no informe técnico achegado pola Xunta, a presentación do pasaporte Covid permite o mantemento de capacidades e o normal desenvolvemento de determinadas actividades "en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren".

Unha prevención necesaria

A idoneidade da medida, segundo explica o tribunal na resolución, non queda invalidada polo feito de que o certificado Covid non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, xa que os informes científicos avalan que esta medida preventiva "permite reducir o risco" de transmisión do virus.

O TSXG, ademais, lembra a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro na que insiste en que "a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade e a máis reducida ocupación hospitalaria e das UCI", non xustifican "prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado". Contra a resolución cabe presentar recurso de casación.