A Galiza suma máis de 68.000 casos activos e rexistra un leve descenso da ocupación hospitalaria

Unha especialista sanitaria supervisa a evolución dun doente Covid (Eduardo Parra / Europa Press).
As unidades de coidados intensivos alixeiran carga asistencial con 44 doentes ingresados. O número de novos contaxios sobe levemente por riba da barreira dos 6.000.

Os novos casos de Covid-19 subiron levemente nas últimas horas na Galiza e alcanzaron os 6.362 contaxios mentres as infeccións activas recuncan no ascenso e sitúanse en 68.419 infeccións. Con todo, a presión nos hospitais descendeu lixeiramente: hai 44 persoas en UCI e 596 en planta.

Así se reflicte no balance publicado esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con datos recollidos até as 18 horas da quinta, no que tamén se revela que un total de 405.459 persoas contaxiáronse en todo o territorio do coronavirus SARS-CoV-2.

Por áreas sanitarias, as da Coruña, Ferrol e Lugo rexistran unha caída dos novos contaxios declarados, con 1.312, 276 e 614 infeccións novas detectadas respectivamente. Na área de Vigo rexistráronse na última xornada 1.772 contaxios; na área de Santiago, 1.103; na de Ourense notificáronse 659 novos contaxios, e na de Pontevedra, 626.

Casos activos

Así, a Galiza alcanza os 68.419 casos activos de Covid-19, o que supón 2.055 casos máis que hai 24 horas. A área sanitaria de Vigo segue á cabeza no número de infeccións, e rexistra 18.057 persoas con Covid (744 máis que hai un día); seguida pola área da Coruña, con 14.706 casos (304 máis); e a área de Santiago, con 10.754 casos (465 máis).

Na área sanitaria de Pontevedra o número de casos activos de Covid subiu a 7.729 (102 máis); na de Ourense hai un aumento de 173 casos, até os 6.986; na área de Lugo os casos chegan a 6.927 (217 máis); e na área de Ferrol hai 3.260 casos activos (50 máis).

Presión hospitalaria

Polo que respecta á presión da pandemia nos hospitais de Galicia, as cifras experimentaron unha lixeira mellora nas últimas horas, cun descenso de catro pacientes en Unidades de Coidados Intensivos, que agora teñen 44 persoas, e cun paciente menos en planta, o que fai un total de 596 enfermos.

Por áreas sanitarias, a da Coruña conta co maior número de doentes en coidados críticos, 11 (igual que hai un día), mentres que hai oito pacientes en UCI da área de Vigo (sen cambios).

Na área de Lugo mantéñense sete enfermos en UCI; na área sanitaria de Pontevedra son seis os pacientes en coidados críticos (un menos); na área de Santiago a UCI ten cinco doentes (dous menos); outros cinco, a área de Ourense (un menos), e na área de Ferrol o número de pacientes en UCI mantense en dous.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia recuperáronse da Covid-19 na Galiza 334.180 persoas, das que 4.300 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas 24 horas.

Pola contra, faleceron 2.910 persoas con Covid. Os últimos decesos comunicados polo Sergas corresponden a tres mulleres de entre 52 e 91 anos de idade, e a cinco homes, de entre 77 e 92 anos, todos con patoloxías previas nas áreas sanitarias de Santiago, Pontevedra, Ourense Vigo e Lugo. Catro procedían de residencias de maiores.