Hostalaría e ocio nocturno desmenten a fin das restricións que anunciou Feixoo

O sector hostaleiro exixe compensacións para evitar a perda de empregos e poder traballar conforme aos horarios que marcan as súas licenzas
Terraza dun local de hostalaría na praza do Obradoiro, en Compostela (Foto: Arxina)
photo_camera Terraza dun local de hostalaría na praza do Obradoiro, en Compostela (Foto: Arxina)

onxe de aprobar os argumentos da Xunta da Galiza, que anunciou a fin das restricións na hostalaría coa apertura das barras e a ampliación de horarios e cabidas, o sector segue sen entender por que non poden abrir ao cento por cento, atendendo ao que lle permiten as súas licenzas de actividade.

O descontento entre o sector ante as novas medidas é evidente, até o punto de que a Asociación Empresarial Hostalaria.gal fala de "tomadura de pelo". 

Así o manifestou en declaracións a Nós Diario o xerente desta recentemente constituída asociación, Julio Negueruela, que apuntou que o que fai agora o Executivo que preside Alberto Núñez Feixoo "é volver ás medidas que adoptaron en outubro", pero moitos negocios seguen sen poder abrir as súas portas. 

É o caso dos estabelecementos de ocio nocturno, nos que precisan unha persoa na porta controlando os certificados de vacinación "e moitos non o poden asumir e directamente non abren as portas", lamenta o xerente de Hostalaría.gal.

Tampouco o feito de que non mudasen as distancias entre persoas nin a capacidade das mesas ─seguen en 8 no interior e aumentan a 15 en terraza─ axuda a que a situación económica destes negocios mellore. 

Na mesma liña, César Ballesteros, presidente dos hostaleiros de Pontevedra, recoñece a súa "sorpresa" polo anuncio da fin das restricións, unha posibilidade que, por outra parte,  consideraría "lóxica".

Ás voltas cos horarios

De feito, o representante dos hostaleiros pontevedreses chama a un debate sobre se os horarios teñen que ver coa Covid ou non. "Ninguén nos explicou se o virus se transmite doutra maneira a partir das catro da mañá. A xustificación en materia sanitaria é que, se reduces o tempo, reduces as posibilidades de contaxio, pero é absurdo, porque a xente non queda máis ou menos polos horarios", critica.   

Ademais, sinala que coa restrición horaria "do que non se dá conta a Administración é de que as empresas teñen uns traballadores que non poden realizar a xornada que estabelece o seu contrato, polo que teñen que recorrer a reducións, xa que tampouco hai compensación ou ERTE temporal para esas horas que non podes traballar. Quedamos nun limbo legal que depende dos acordos entre a empresa e eses traballadores", salienta.

Axudas ao sector

No que coincide o sector é na necesidade de artellar un plan de axudas. "Unha redución de horarios, sumada ás limitacións físicas das cabidas, é evidente que ten un custo para as empresas", apunta Ballesteros, que exixe "as axudas que outros territorios están a dar". "Se a que limita é a Xunta, é ela quen debería artellar as compensacións", afirma. 

Na mesma liña, Julio Negueruela exixe a Xunta "que faga dunha vez" un plan de axudas e indemnizacións para o sector, "xa non só polas restricións, senón tamén pola pandemia". 

Como destaca, decembro e xaneiro foron "un completo desastre para os nosos subsectores, desde os aloxamentos até o ocio nocturno, con comidas de empresa, reforzos e subministros que tiveron que 'comer' as empresas".

Comentarios