94% dos Centros de Información á Muller atenden só o mínimo legal: 10 horas á semana

Panel informativo do Centro de Información á Muller de Santiago de Compostela.
Un estudo da Fegamp chama a coñecer e paliar as eivas de recursos que presentan os CIM, cuxo servizo non alcanza toda a poboación feminina da Galiza.

A loita contra a violencia machista urxe unha intervención integral que sitúa as institucións no centro. Os fallos do sistema na protección das vítimas obriga a revisar os procedementos en todos os ámbitos: xudicial, administrativo, sanitario e social.

A prevención é común a todos e no ámbito local conta con centros específicos de referencia dirixidos ás mulleres, centros de información onde traballan para axudar, apoiar e protexer as mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade.

O ámbito rural, desasistido

Un estudo realizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asegura que 26% dos concellos da Galiza carecen de Centros de Información á Muller (CIM).

A investigación, realizada ao longo deste 2023, precisa que os municipios privados deste servizo específico localízanse en zonas rurais, de difícil acceso e mal comunicadas.

Unha chamada de atención nun momento crucial para a erradicación da violencia machista, que sinala o abandono de case 30% da poboación feminina, sen acceso rápido e eficaz a un servizo básico, "unha fenda importante que pode converterse nun burato por onde todo se coe e o moito ou pouco que se estea a facer non sexa de abondo".

Centros específicos

A Galiza conta con 82 CIM. 77% dos municipios dispoñen dun Centro de Información á Muller, o que garante a cobertura de 72% das mulleres da Galiza.

Os sete municipios de máis de 50.000 habitantes contan cun servizo específico, dos 16 que teñen entre 20.000 e 50.000 a maioría tamén teñen o seu. A maioría dos concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes contan cun CIM ou son cabeceira dun servizo mancomunado, aínda que 38 son zona de influencia e non teñen servizo específico. Os de menos de 5.000 habitantes, rompen coa tendencia anterior, atópanse en área de influencia doutros CIM ou sen servizo específico.

Os municipios de Lugo e Ourense son as que presentan máis necesidade, pola alta concentración de concellos sen ningún tipo de servizos. En Lugo 21% de municipios non teñen servizo específico, unha porcentaxe que duplica as cifras do resto do territorio, e un 18% atópanse nunha área de influencia.

Escaseza de recursos

A Fegamp urxe mellorar a coordinación das administracións competentes para garantir unha atención adecuada en todo o territorio, nomeadamente naqueles lugares onde as mulleres non gozan de ningunha cobertura nin atención específica. Pide, ademais, afondar "na capacidade e recursos dos CIM para proporcionar unha atención correcta".

Dos 82 dispoñíbeis na Galiza, 52 atenderon a solicitude da Fegamp para coñecer os recursos humanos cos que contan para ofrecer axuda e información específica.

Destes, 44% conta co cadro mínimo de persoal que dita o decreto polo que se estabelecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller, é dicir, de asesoramento xurídico e psicolóxico máis dirección, que adoita asumir unha destas dúas persoas especialistas en 75% dos casos.

Os CIM que contan con máis persoal de apoio, 21%, dispoñen unha persoa técnica en en servizos sociais e 13% contan coa figura de axente de igualdade. Os centros que contan con axuda nas tarefas administrativas só representan o 6%.

Asistencia mínima

Ademais, 94% dos CIM atenden exclusivamente o mínimo legal de dez horas semanais de asesoramento xurídico e psicolóxico recollido no decreto. E só 13,46% dispoñen dun auxiliar administrativo para realizar tarefas de apoio.

Os resultados da enquisa realizada pola Fegamp mostran que case a metade do colectivo profesional dos CIM é indefinido. O persoal laboral fixo representa 17,31% e o laboral temporal, 15,38%. Só 7,69% dos persoal é funcionario.

Reducir a temporalidade no emprego público e contar con recursos humanos permanentes e estábeis é un obxectivo compartido polos centros de información á muller que non logran cubrir as baixas máis breves pero tampouco as recorrentes prolongadas no tempo as máis das veces.

"O actual proceso de discusión no Parlamento da Galiza do proxecto de Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que xa dedica un apartado aos CIM, é unha oportunidade inmellorábel para dotar da necesaria cobertura legal o reforzo do labor destes centros", conclúea Fegamp, que fía a erradicación da violencia machista a unha loita sostida desde as políticas públicas.