O PP veta unha proposta para dotar de máis recursos os CIM

O pleno insta o Executivo galego a elaborar un plan de igualdade
Sesión plenaria do Parlamento de Galiza. (Foto: Parlamento)
photo_camera (Foto: Parlamento)

Os votos do PP na Cámara galega impediron que se aprobara  unha proposición de lei que demandaba máis recursos e medios para os CIM (Centros de Información á Muller). 

A portavoz de Igualdade do PSdeG, Noa Díaz, reclamou á Xunta que acordase coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) máis recursos para os CIM, “adecuado ás súas necesidades e prestacións reais”. Díaz tamén reclamaba estender a rede “con criterios obxectivos e cuantificábeis como, por exemplo, o número de mulleres que viven nese concello”.

A parlamentaria socialista pediu á Xunta que modifique o decreto que regula estes organismos para incorporar a figura do axente de igualdade, que se sumaría á avogada e á psicóloga cos que deben contar estes organismos. 

Defendeu un novo marco de financiamento que, ademais de incrementarse con fondos propios da Xunta , estabeleza “unha ratio de persoal necesario en función da poboación e do número de mulleres atendidas”. Advertiu que hoxe na Galiza só 193 concellos dos 313 contan con este servizo “imprescindíbel”, co que o 40% das mulleres galegas quedan excluídas deste servizo.

A proposta contou co apoio do BNG. A nacionalista Olalla Rodil lamentou que os CIM, "deseñados hai unha década", manteñan o mesmo sistema de financiamento daquela, "que non chega nin para pipas", malia ter que asumir "máis e máis competencias" cada vez.

Noelia Pérez López, do Partido Popular, defendeu que este servizo "naceu da man do Goberno do PP" e centrouse en pór o balón da responsabilidade de estender os CIM nos diferentes Concellos. 

Plan de igualdade

Por outra parte, o Parlamento galego aprobou onte por unanimidade unha proposición non de lei defendida polo BNG e na que se solicitaba "instar a Xunta a aprobar de maneira inmediata o plan de igualdade que lle exixe a lexislación vixente e a incorporar nel medidas encamiñadas a garantir os dereitos de conciliación do persoal da Administración pública así como a promover a corresponsabilidade". 

Comentarios