Centos de persoas protestan fronte á Xunta polo encerramento de centros de ensino

Imaxe da capa @orodil, interior de @susobermello

Alumnos e familias de municipios como Outes, As Pontes, Entrimo, ou Ribadavia participaron na mobilización canda a Plataforma galega en defensa do ensino e representantes de En Marea, PSdeG e BNG. Uns 135 camións bañeira procedentes das Pontes apoiaron a mobilización cunha caravana na capital galega.

A choiva que por momentos caeu esta quinta feira en Compostela non desmotivou nin o máis mínimo os centos de persoas que se concentraron en torno a San Caetano, sede administrativa da Xunta, para protestar contra o feche de colexios e traslado de ensinanzas adoptado por Educación, sen negociación previa. Desde que, en vésperas de finalizar o curso escolar 2016/17, se coñeceu a decisión da Xunta de fechar varios centros educativos, así como eliminar oferta educativa e postos docentes, a indignación foi en aumento nos concellos afectados: Outes, As Pontes, Entrimo, O Porriño e Ribadavia. Un dos protagonistas da mobilización, os por volta de 130 camións bañeira para transporte de carbón das Pontes que tomaron parte nesta mobilización contra o encerramento dos colexios.

 

“Somos persoas, non números”, “Co ensino non se xoga”, "Queremos estudar no noso cole", “Pola defensa da educación pública”... eran algúns dos lemas en faixas e pancartas que levaban os concentrados. Por volta de 20 autobuses, procedentes deses concellos, trasladaron á capital de Galiza centos de persoas para tomar parte nesta concentración canda a Plataforma galega en defensa do ensino público. Na mobilización tamén tomaron parte representantes de En Marea, PSdeG e BNG. A portavoz do BNG, Ana Pontón anunciou que o BNG pedirá a dimisión do conselleiro de Educación, Román Rodríguez na vindeira sesión plenaria do Parlamento galego,após “a nova coitelada ao ensino galego”.

 

O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, denunciou que estes encerramentos e reducións de persoal forman parte da “política de desgaste contra o ensino público” que oo goberno de Feijóo vén practicando desde o ano 2009. Unha política que, dixo, “parte da visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento”. 

 

Os centros que van fechar son o CEIP de Cruceiro de Roo, en Outes, que tiña 72 alumnos matriculados para o vindeiro curso e que van ter que ser recolocados nun concello veciño, no CEIP Serra de Outes. Tamén botará o fecho o CEIP Monte Caxado, nas Pontes, que tiña 195 alumnos en Infantil e Primaria e 67 na ESO.  Ademais, elimínase a oferta educativa de ESO no CPI Tomás de Lemos, Ribadavia, que pasa para IES do Ribeiro, no que sindicatos como CIG-Ensino advirte que vai supoñer unha “masificación para o que quedaría como único centro de secundaria no Concello”. Ademais, Educación fará unha redución de 10 postos de traballo no IES de Celanova.

 

Desde a Consellería cualifican como “reestruturación” as medidas a respecto destes centros educativos, unha cualificación rexeitada de fronte polas comunidades educativas, que reiteran a denuncia de peches e recortes no ensino público.

 

A comezos do curso escolar que agora chega ao seu remate, CIG-Ensino denunciaba que en apenas 5 anos se suprimiran 411 unidades e 59 escolas no ensino público cando, nese mesmo período, se crearon 243 unidades no ensino privado concertado.”O ensino privado recibe en concertos, cada ano, máis de 245 millóns de euros” .