Feche de centros de ensino

“Un colexio non é un estabelecemento económico”, dinlle as ANPAS a Feijóo

[Imaxe: Xaquín Soliño] Unha das greves no ensino decorridas no presente curso

A Confederación de ANPAS galegas vén de expresar “o máis absoluto rexeitamento” á política de feche de centros de ensino da Consellaría de Educación. Uns feches, din, que non son novos, pois vén manténdoos “desde hai xa demasiados anos”.

Diante do coñecemento de próximos feches de centros de ensino no país –CEIP Emilio Navasqües en Cruceiro do Ro (Outes), CPI da Ribeira no Porriño, CPI Monte Caxado das Pontes e a oferta da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia­–, a Confederación de ANPAS galegas dille ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “un colexio non é un estabelecemento económico”.

 

“Un colexio é a vida presente na contorna; un lugar que non teña centros escolares esmorece e morre, perde habitantes e perde ilusión, perde tecido comercial  e perde futuro”, advirte Fernando Lacaci, portavoz do colectivo.

 

O tamén vicepresidente da confederación acusa a Xunta de facer do mapa educativo “un grande ermo onde nada medra; agás, por suposto, o negocio privado do ensino, apoiado polas actuais autoridades educativas a través do incremento permanente da vía dos convenios con empresas privadas, mentres se eliminan prazas públicas para poder crear mercado, comerciando cos dereitos da xuventude e coas súas posibilidades de mellora no futuro”.

 

Recortes

 

As ANPAS rexeitan, así, “os aínda permanentes recortes na dotación de profesorado nos centros de ensino público, tanto no catálogo ordinario de postos, como moi nomeadamente no catálogo de profesorado de apoio, verdadeiro piar da inclusión educativa que este Goberno da Xunta está a limitar e deteriorar constantemente coas súas decisións económicas”.

 

"É inadmisíbel que mentres Feijóo se gaba dunha recuperación económica, ao mesmo tempo continúe xustificando accións de abandono dos servizos públicos"

 

“É inadmisíbel que mentres o discurso oficial do Goberno Feijoo está permanentemente gabándose dunha recuperación económica que eles din que existe, ao mesmo tempo continúen xustificando accións de abandono dos servizos públicos, de recorte de posibilidades de futuro para o noso rural, de descontextualización do alumnado ao que forzan a traslados innecesarios; e, por riba de todo, tomando decisións sen ningunha caste de coordinación coas comunidades educativas correspondentes, coas familias, e coa veciñanza das zonas afectadas”, advirte a confederación.

 

Na mesma liña, Lacaci salienta que “antes de tocar unha soa praza pública, antes de reordenar nin o primeiro pupitre, haberá que acabar coa privatización encuberta do ensino, haberá que rematar co ensino concertado, coas súas prebendas e coas manobras oficiais para beneficialo”. Cando iso ocorra, engade, “falaremos de como reorganizar o ensino galego, desde parámetros de oportunidade para todas, e de conveniencia para todo o país; non desde a óptica económica de quen non remata de comprender que a educación non é un negocio, senón unha enorme oportunidade de equidade e nivelación".