Un fin de curso con anuncios sorpresa de feche de colexios e supresión de postos docentes

Foto de @XuntosPAP

CIG-Ensino denuncia o “escurantismo” da Consellaría, que comunica na véspera do remate do curso escolar  sen información nin negociación previa os feches de centros.

O fin de curso vén acompañado de comunicacións por parte da Consellería de Educación de feches de centros educativos, traslado de ensinanzas e supresión de prazas docentes. Unhs anuncios que a Xunta fixo na véspera de finalizar o curso, que pon o ramo esta sexta feira, e sen información e negociación previa, tal e como denuncian desde CIG-Ensino a través dun comunicado.

 

Os centros que van fechar son o CEIP de Cruceiro de Roo, en Outes, que tiña 72 alumnos matriculados para o vindeiro curso e que van ter que ser recolocados nun concello veciño, no CEIP Serra de Outes. Tamén botará o fecho o CEIP Monte Caxado, nas Pontes, que tiña 195 alumnos en Infantil e Primaria e 67 na ESO.  Ademais, elimínase a oferta educativa de ESO no CPI Tomás de Lemos, Ribadavia, que pasa para IES do Ribeiro, no que a central nacionalista advirte que vai supoñer unha “masificación para o que quedaría como único centro de secundaria no Concello”. Desde CCOO e STEG engaden o anuncio do feche do CEIP Emilio de Navasqüés (Outes)

 

Mais non acaban aquí as ‘sorpresas’ que en vésperas da fin de curso recibiu a comunidade educativa: Educación fará unha redución de 10 postos de traballo no IES de Celanova. “Isto mermará a calidade educativa no centro, impedirá desdobres, diversificación, atención ao alumnado, impedirá que a comarca conte cun centro que poida ser referencia nas diferentes ofertas educativas obrigatorias e postobrigatorias”, como lembra a CIG.

 

O sindicato ten claro que o “único argumento rea”l que hai detrás destas decisións é a “política de desgaste do ensino público practicada polo goberno Feijóo e que agora escribe un novo capítulo, reducindo aulas e centros e eliminando profesorado”.

 

A comezos do curso escolar que agora chega ao seu remate, CIG-Ensino denunciaba que en apenas 5 anos se suprimiran 411 unidades e 59 escolas no ensino público cando, nese mesmo período, se crearon 243 unidades no ensino privado concertado.”O ensino privado recibe en concertos, cada ano, máis de 245 millóns de euros” .