As Pontes: 24 horas ininterrompidas de actividades contra o feche do CPI Monte Caxado

@XuntosPAP

Desde primeiras horas desta segunda feira até as 9:00 da terza, ducias de propostas van ter lugar no pavillón do centro educativo: desde baile e lectura até tiro con arco, cantareiras e obradoiro de signos. O obxectivo: protestar contra a clausura do CPI.

A decisión, sen información nin negociación previa, da Consellería de Educación de fechar varios colexios en Galiza está a orixinar nas localidades afectadas importantes mobilizacións de protesto e rexeitamento a unha decisión que se lles deu a coñecer en vésperas de finalizar o curso escolar. O CEIP de Cruceiro de Roo, en Outes, que tiña 72 alumnos matriculados para o vindeiro curso e que van ter que ser recolocados nun concello veciño, no CEIP Serra de Outes. O CEIP Monte Caxado, nas Pontes, que tiña 195 alumnos en Infantil e Primaria e 67 na ESO.  Estes son dous colexios riscados pola Consellería de Educación. Ademais, elimínase a oferta educativa de ESO no CPI Tomás de Lemos, Ribadavia, que pasa para IES do Ribeiro.

 

A decisión da Xunta xa provocou concentracións, mobilizacións e accións nos diferentes concellos. Especialmente nas Pontes, onde a ANPA está a ser quen de reunir centos de persoas na oposición ao fechamento do CPI Monte Caxado. Mesmo organizou unha gala cultural de 24 horas ininterrompidas que comezou ás 9:00 horas desta segunda feira e rematará mañá, terza, ás 9:00 horas. Haberá todo tipo de actividades, que decorrerán no Pavillón do colexio. Desde obradoiros, contacontos e música até tiro deportes ou baile latino.

 

Desde Educación non están por rectificar. Así se desprende do manifestado no Galicia por Diante da Ragio Galega por Jesús Oitavén, da Consellaría de Educación: “Non hai marcha atrás”, dixo.

 

A Confederación de ANPAS galegas dille ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “un colexio non é un estabelecemento económico”. “Un colexio é a vida presente na contorna; un lugar que non teña centros escolares esmorece e morre, perde habitantes e perde ilusión, perde tecido comercial  e perde futuro”, advirte Fernando Lacaci, portavoz do colectivo.

 

Tamén as centrais sindicais amosaron a súa oposición a estes fechamentos. CIG-Ensino, maioritaria no sector, xa manifestou que o “único argumento real” que hai detrás destas decisións é a “política de desgaste do ensino público practicada polo goberno Feijóo e que agora escribe un novo capítulo, reducindo aulas e centros e eliminando profesorado”.