Centos de persoas rexeitan a eólica mariña na Guarda

Concentración na Guarda contra a eólica mariña no Baixo Miño. (Foto: Nós Diario).

A Guarda acolleu na maña deste sábado unha mobilización contra o complexo de eólica mariña proxectado entre Cabo Silleiro (Baiona) e a desembocadura do Miño. A protesta convocada pola Confraría de pescadores Santa Tecla da Guarda xuntou arredor de medio milleiro de persoas

As augas do Baixo Miño están no foco de diversos desenvolvementos de eólica mariña permitidos no Plan de Ordenación dos Espazos Marítimo (POEM) aprobados polo Goberno do Estado. Precisamente, o seu emprazamento coincide cunha das máis importantes áreas de pesca da Galiza, situada fronte as costas da Guarda, Oia, O Rosal e Baiona.

Os asistentes á mobilización convocada na Guarda denunciaron que “mentres cada vez hai máis restricións para o sector da pesca, o Ministerio encargado de velar pola conservación do medio ambiente, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), abre a veda á instalación de macromuíños eólicos de 200 metros de altura a escasos 20 quilómetros da nosa costa”.

Transición enerxética xusta

Os manifestantes apostaron por “unha transición enerxética xusta, compatíbel con actividades sustentábeis, que garanten a soberanía alimentaria e crean identidade, como é o caso da pesca”. Nesta liña, destacaron ser “os máis interesados en defender os ecosistemas mariños”

Os organizadores na protesta esixiron no seu manifesto “a retirada dos POEM e a paralización de calquera proxecto de eólica mariña” e demandaron “estudos científicos independentes e rigorosos sobre a afectación xerada por muíños e liñas de evacuación nas especies mariñas e o conxunto do ecosistema”.

O sector do mar do Baixo Miño reclamou do Goberno do Estado “unha oposición frontal a plans de saqueo dos nosos recursos pesqueiros”  e instaron ao ministro de pesca “a antepor a soberanía alimentaria fronte á especulación enerxética”.

Críticas á Xunta

As críticas chegaron, tamén, ao Goberno galego, a quen esixiron “unha posición na defensa do sector pesqueiro”. Nesta dirección, reclamaron “ao señor Rueda que exerza de presidente da Xunta e non de comercial do lobby enerxético”.

Os mariñeiros da Guarda rexeitaron “os anuncios sobre eventuais fondos de compensación para paliar os prexuízos da eólica mariña, que implican per se un perigo real de afectación á pesca”.

A entidade convocante da mobilización insistiu en que” este non é un problema que só afecta ás xentes do mar”. Nesta liña, afirmaron que “a instalación dun macropolígono de enerxía eólica terá tamén repercusión en terra, afectando principalmente a concellos como A Guarda, Oia ou O Rosal, por onde previsibelmente discorreran as liñas de alta tensión para a evacuación da enerxía eléctrica, creando unha verdadeira “autoestrada” que fragmentará a paisaxe ao longo do seu trazado”.