A marcha foi convocada por 10 plataformas veciñais

Centos de persoas mobilizáronse en Curtis contra os parques eólicos

A manifestación de Curtis xuntou a centos de veciños de toda a comarca. (Foto: Alvaro García).

O concello de Curtis acolleu este sábado unha mobilización contra os proxectos eólicos previstos para a comarca. A marcha estaba convocada por diversas plataformas veciñais opostas ás instalacións eléctricas. As entidades promotoras adiantaron novas protestas para as próximas semanas.

Un total de 10 plataformas veciñais constituídas no último ano contra os proxectos eólicos previstos na comarca da Coruña, As Mariñas e A Montaña manifestáronse na tarde deste sábado pola vila de Curtis.   

A marcha partiu ás cinco da tarde da rotonda de Curtis e contou coa presenza de veciños e veciñas dos concellos afectados, como Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Betanzos, Vilasantar, Abegondo, Carral, Cerceda, Sobrado, Mesía, Frades, Monfero, Paderne, Ordes, Boimorto e Guitiriz.

O rexeitamento aos proxectos eólicos de Caíño e Brancellao estivo moi presente na marcha. O primeiro deles, promovido por Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, prevé erguer 33 aeroxeradores nos concellos de Aranga, Oza, Abegondo e Curtis, chegando a súa afección a Guitiriz

O parque eólico Brancellao, impulsado, tamén por Enel Green Power, aspira a levantar 25 aeroxeradores nos municipios de Boimorto, Frades, Carral e Curtis. Un e outro proxecto atópanse actualmente en fase do estudo no Ministerio de Transición Ecolóxica.

As dúas instalacións eólicas foron rexeitadas pola corporación de Curtis. Neste sentido, o alcalde do municipio, Javier Caínzos, destacou que presentan graves impactos para economía forestal e agrícola da zona. Na mesma liña, expresáronse outros concellos da comarca, como Vilasantar. 

As plataformas impulsoras da mobilización lembraron que máis de 29 núcleos de poboación están a menos dun quilómetro do parque eólico Caíño. Na mesma dirección significan o impacto visual dos aeroxeradores, de máis de 200 metros de altura.

Apoio do BNG

A manifestación contou co apoio de representantes do BNG. A deputada nacionalista presente na marcha, Mercedes Queixas, sinalou que “son concellos onde xa se estaban tramitando outros parques eólicos,  liñas de alta tensión e subestacións. Existe un importante descontento veciñal pola tramitación destes proxectos a escasa distancia das vivendas e cun importante impacto no patrimonio tanto natural como cultural”

O parlamentario do BNG, Xosé Luís Rivas, afirmou que “defendemos paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio”

"Os parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercuten, en absoluto, de maneira positiva na economía da veciñanza dos  concellos afectados. Non serven para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio", concluíu Rivas