O censo do lobo recolle 93 mandas reprodutoras e a Xunta advirte unha "evolución positiva" da especie

Exemplar de lobo ibérico (Foto: WWF).
O lobo ibérico estivo presente en toda a Península Ibérica durante séculos, tanto é así que chegou a habitar case todo o territorio peninsular até os anos 1900, no entanto, estivo a piques de extinguirse nos anos 70 do século XX, debido a que no Esatdo español e durante o Goberno da ditadura franquista houbo unha campaña de exterminio contra este animal.

A actualización do censo do lobo ibérico realizada pola Xunta da Galiza entre 2021 e 2022 concluíu que existen na Galiza unhas 93 mandas reprodutoras, cifra similar ás 90 mandas estimadas no seguimento correspondente ao período de 2013-2015 e que confirma a "evolución positiva da especie" no país, segundo o Executivo galego.

Así o avanzou esta cuarta feira a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que visitou a explotación gandeira en semiextensivo de Rois e deu a coñecer as principais conclusións dos traballos encargados pola Consellaría do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co obxectivo de dispor de datos actualizados sobre a presenza e distribución territorial desta especie.

En concreto, explicou que as estimacións poboacionais que apuntaron a un incremento do número de mandas reprodutoras, tres máis que no seguimento anterior, foron obtidas mediante a aplicación de dúas metodoloxías distintas avaladas por publicacións científicas e que lanzaron conclusións moi similares.

Así, asegurou que esta coincidencia "confirma a robustez" dos datos obtidos e avala que o estado de conservación do lobo no país é favorábel".

Non obstante a Xunta tense posicionado en contra dos plans de protección e de incluílo na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Asociacións ecoloxistas como Adega teñen cualificado de "nesgados" os datos da Xunta e aluden ao ditame do Ministerio de Medio Ambiente para o sexenio 2013-2018, que advirte da situación "desfavorábel" e "inapropiada" da especie. Tamén negan, con datos, que o lobo sexa causante da desaparición de razas de gando autóctonas.

"Non é defendíbel que o lobo sexa o causante da desaparición de razas de gando autóctona, como expón a Xunta. Segundo datos manexados por Adega, considerando o valor de mercado das máis de 900 mil reses rexistradas na Galiza, a incidencia do lobo sobre o mesmo tería un impacto económico dun 0,037%", indican desde a organización ambientalista.

Ademais, con relación á distribución territorial da especie, os traballos realizados apuntan a que o lobo ibérico ten unha presenza xeneraliza na Galiza, salvo nas cidades e no Baixo Miño.

O lobo ibérico

O lobo ibérico estivo presente en toda a Península Ibérica durante séculos, tanto é así que chegou a habitar case todo o territorio peninsular até os anos 1900, no entanto, estivo a piques de extinguirse nos anos 70 do século XX, debido a que no Esatdo español e durante o Goberno da ditadura franquista houbo unha campaña de exterminio contra este animal.

Ademais, en Portugal, unha política semellante cun semellante resultado borrou dos seus campos o lobo de todo o territorio que abrangue desde o Río Douro cara ao sur, sobrevivindo tan só algúns grupos reducidos nalgunhas áreas concretas.