Os Estados español e portugués acordan "acelerar" a eólica mariña

Pedro Sánchez non pon data á conexión por tren entre a Galiza e Portugal.
Pedro Sánchez e António Costa, esta sexta feira en Viana do Castelo (Portugal) (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e António Costa, esta sexta feira en Viana do Castelo (Portugal) (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Os Estados español e portugués acordaron esta sexta feira, nunha cimeira bilateral en Viana do Castelo (Portugal), "cooperar e acelerar" a produción con fontes de enerxía renovábeis na costa atlántica, como a eólica mariña flotante, de cara a 2030.

Ademais, coa intención de fortalecer o Mercado Ibérico da Electricidade e no contexto de penetración das enerxías renovábeis, comprometéronse a "desenvolver un marco regulador que fomente eficazmente os novos investimentos, cumprindo con todos os requisitos estabelecidos pola normativa" da Unión Europea (UE).

Tamén reafirmaron a súa aposta polo reforzo das conexións enerxéticas entre ambos os Estados e entre a Península Ibérica e o resto do mercado enerxético da UE.

A este respecto, apoiaron o acordo alcanzado o pasado 20 de outubro con Francia para a construción dun corredor de hidróxeno e gas entre os tres Estados a través do desenvolvemento dun hidroduto marítimo entre Barcelona (Catalunya) e Marsella (Francia), así como o reforzo das interconexións eléctricas por outras vías como a do golfo de Bizkaia (Euskadi).

Sen horizonte temporal para os camiños de ferro

Sánchez reiterou a "importancia vital" e o seu "compromiso total" coas conexións ferroviarias entre o Estado español e Portugal. Porén, no caso da conexión entre a Galiza e Portugal, non concretou data para a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto.

Preguntado sobre se o Estado español se compromete a desenvolver a conexión desde Vigo á raia co Estado veciño para 2030, xa que Portugal si asegurou que levará a alta velocidade desde Porto até a Galiza para ese ano, Sánchez non quixo especificar datas.

A declaración conxunta emitida por ambas as partes após a cimeira, con 60 puntos, tan só fai referencia á Galiza en dous aspectos, pola conexión por tren e polos esforzos para o desenvolvemento da interconexión eléctrica Minho-A Galiza.

Comentarios