CCOO carga contra as resolucións do TSXG que tomban polígonos eólicos

Durante os dous próximos anos os proxectos eólicos poderán recibir o visto bo só co estudo ambiental da empresa promotora. (Foto: Luis Vilanova).

A CIG impugnará o decreto que permite substituír persoal público por empresas en autorizacións ambientais para “acelerar a invasión eólica”

CCOO Industria na Galiza expresou esta quinta feira a súa “máxima preocupación ante as recentes resolucións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que paralizan autorizacións de construción de parques eólicos” no país. Para o sindicato, as resolucións “ameazan” o desenvolvemento industrial na Galiza, a creación de emprego e “dificultan” a saída do “tradicional atraso económico e industrial que sufrimos”.

Segundo afirma CCOO nun comunicado, as resolucións do TSXG, tamén “ameazan” a seguridade xurídica de calquera proxecto económico con necesidade de declaración de impacto ambiental (DIA) que caia “no punto de mira de determinadas asociacións de dubidoso interese ambiental”. “Isto supón unha agresión contra os intereses da inmensa maioría da clase traballadora galega”, sentencian.

CCOO fai así referencia ás decisións do TSXG de anular as licenzas das instalacións eólicas de polígonos como o de Campelo e Bustelo (nas comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños e Xallas), de suspender a autorización do parque Lagoa II (Terra de Soneira).

Tamén se viron paralizados os parques eólicos Monte Agrelo e Muriño (Bergantiños), Soesto e Monte Chan (na contorna do monumento natural dos Penedos de Pasarela e Traba), o parque éolico Prada (que afectaba Pena Trevinca), Pena dos Mouros (Bergantiños) ou o de Oribio (na comarca de Sarria). Proxectos ademais cuestionados tanto polo tecido ecoloxista como pola veciñanza das zonas afectadas

“Determinados xuíces, moi próximos ás asociacións demandantes, están a tomar o camiño de pór en dúbida o criterio de funcionarios públicos independentes, dando prioridade a informes facilitados polas asociacións demandantes, elaborados con dubidosa calidade científico-técnica e aínda máis dubidosa neutralidade”, afirman desde CCOO.

Aceleración da “invasión eólica”

Pola súa parte, a CIG anunciou esta quinta feira a súa decisión de impugnar o Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o rexistro de entidades e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental.

Desde a central sindical denuncian que se trata dunha estratexia da Xunta da Galiza ao abeiro da lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP para substituír o traballo do persoal funcionario público co obxectivo de “facilitar a autorización de proxectos con impacto ambiental como os parques eólico ou a minaría extractiva”.  

A CIG entende que o Executivo galego “botará man” de empresas privadas “colaboradoras” para facilitar as autorizacións “e legalizar así a venta dos recursos naturais do noso país”. Co Decreto 102/2023, non só se privatizan as funcións de informe previo, denuncian desde a central nacionalista, “senón tamén o seguimento das obras e actuacións, permitindo o levantamento de actas con valor probatorio”.

“Non hai que esquecer que estas funcións están unicamente reservadas por lei a persoal funcionario públicos”, sinalan.