Os cazadores admiten que "non hai unha praga" de xabarís: "No monte ou o rural hai igual ou menos que en anos anteriores"

Cazadores nunha batida de xabaril. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Desde a Federación Galega de Caza si perciben, con todo, unha "maior presenza urbana" destes animais en cidades como A Coruña ou Lugo, e cren que isto si pode supor "un problema".

Dúas semanas despois de declarar a Xunta da Galiza a "emerxencia cinexética" en 248 concellos do país, autorizando así nestes territorios a caza 'sen límite' do xabaril, o responsábel de prensa da Federación Galega de Caza, Antón Arrojo, nega que houbese un aumento significativo da poboación deste animal: "No monte ou o rural hai igual ou menos xabarís que en anos anteriores", asegura, se ben si apunta a unha "maior presenza en zonas urbanas ou periurbanas".

Arrojo, en declaracións á axencia Europa Press, considera con todo que "hai un problema de xabaril", pois, "por desgraza, crea moitos accidentes de tráfico, como se viu en Chantada", con dous mozos falecidos o pasado agosto. Mais é contundente ao defender que "non hai unha praga". "Non é que haxa máis xabaril, é que está onde non debería estar", argumenta.

A Xunta activou o 16 de setembro unha emerxencia cinexética de carácter provisional até o 25 de febreiro de 2024 que permite cazar "sen límite" nun total de 248 municipios, o 80% dos concellos e da superficie total da Galiza. Nos seus 11 primeiros días de posta en marcha, as solicitudes de batidas foron 131, segundo datos achegados pola propia Consellaría de Medio Ambiente.

Sobre a posta en marcha desta emerxencia cinética, Arrojo recoñece "avances" como unha "axilización nos trámites para pode facer batidas ou esperas", así como non verse limitados por cotas de límite nos tecores. Porén, explica que o feito de que se poida cazar calquera día non se traduce en maiores batidas, dado que "os cazadores son persoas normais", son "albaneis, médicos ou avogados" que durante "unha segunda ou terza feira traballan", polo que as cifras de batidas entre semana son "irrisorias".

"Non estamos en contra da emerxencia cinexética, pero non hai unha praga de xabarís", incide. De feito, cre que os avisos por danos en agricultura "están a ser menores". Pon como exemplo que o tecor da Terra Chá, o máis grande do país, traslada que "está a ser o ano con menos avisos" de contratempos no agro.

Con todo, Arrojo opina a que agora hai "maior presenza" en cidades como A Coruña e Lugo, o que "dá unha alarma á poboación". "O xabaril é unha animal moi astuto que se achega a zonas urbanas e perirubanas en busca de refuxio, alimento e, sobre todo, tranquilidade", mais lembra que esas son zonas nas que os cazadores non poden actuar. Así, remarca que a presenza deste animal en zonas máis poboadas fai que haxa maior risco de accidente de tráfico "na comarca do Deza que na Fonsagrada", por exemplo.

"O xabaril está máis presente na zona urbana ou perirubana de Lugo que na montaña da Fonsagrada", estima. E relata que na Fonsagrada "o nivel de xabaril é moitísimo menos", xa que hai anos cazaban 500 ou 600 exemplares, pero na última tempada a cifra reduciuse a 150.

Críticas dos ecoloxistas á "política de escopeta"

A emerxencia cinexética foi acollida entre fortes críticas desde o movemento ecoloxista. "Desde logo, a Xunta merece un suspenso en xestión de fauna salvaxe", aseguraba recentemente a este xornal Fins Eirexas, de Adega. Unha nota que tamén lle dá ao Goberno galego nesta materia Pedro Alonso, biólogo e un dos maiores expertos no lobo na Galiza. "A única política de xestión nestes temas que coñece a Xunta é a da escopeta", afirma en conversa con este medio. A declaración de emerxencia cinexética é unha medida que entre sectores dos cazadores consideran adoptada "de cara á galería".

Fins Eirexas convida a cruzar dous mapas. Un, o dos concellos da Galiza onde a Xunta considera que hai emerxencia polo xabaril. Outro, un mapa da presenza estábel das mandas reprodutoras do lobo no territorio galego. "Onde tradicionalmente hai rexistros desta especie, non hai tanta afectación de xabaril. Hai outros sitios onde hai lobo e si, sería interesante estudar este tipo de interaccións, tendo en conta que do lobo hai censo científico, oficial; e do xabaril, non".