Os casos da Mariña que a Xunta agochou

A Xunta emprazou as persoas contaxiadas na Mariña a non acudir ás urnas na xornada electoral. (Europa Press)
Malia as reiteradas mensaxes que desde o Goberno galego daban por acoutado e controlado o brote de coronavirus nos concellos da Mariña nas xornadas previas ao 12-X, son varios os documentos oficiais que contradín estas afirmacións. O último, unha orde da Consellaría de Sanidade sobre medidas preventivas publicada no DOG.  

A Mariña e a súa situación epidemiolóxica centrou, hai unha semana, a última xornada da campaña electoral que levou Alberto Núñez Feixoo a revalidar a Presidencia da Xunta. Fronte ás críticas que chegaban desde a oposición, desde o sector sanitario e desde boa parte dos concellos afectados polo brote, o candidato do PP chamaba, no seu mitin central na Coruña, a ir votar para dar "unha lección de democracia ante todos os que están metendo medo á xente". 

Nese mesmo acto, o presidente do PP na Coruña, Diego Calvo, reforzaba aquela mensaxe, previndo dos "bulos das redes". "Van inventar brotes que non existen e pedirán que non se vote na Mariña", advertía, invocando unha alta participación. Aquela mesma mañá, o xerente do Sergas afirmara publicamente que o foco, con 182 casos activos –17 por enriba da xornada previa, na que se comunicaran 165 e 25 altas– estaba "controlado".

Desa mesma data, 10 de xullo, é o informe que serviu á Consellaría de Sanidade para validar nos xulgados a súa decisión de endurecer as medidas de illamento en Burela, por concentrar a maioría dos positivos, e reabrir a mobilidade noutros sete concellos da comarca. Nel, o Sergas cuantifica (con data do día 9) os casos en 224, 59 máis dos 165 que Sanidade trasladaba de maneira oficial, ou 34 máis, se se restan as persoas dadas de alta.

Non foi esa a primeira vez que un auto xudicial sacaba á luz información do Sergas silenciada nas súas canles oficiais. Esa mesma semana, outro xulgado de Lugo ratificaba as restricións que a Xunta decidira aplicar en 14 concellos da Mariña ante a evolución da epidemia, que supuxeron o seu confinamento a unha semana da cita electoral. Naquela resolución, a maxistrada remitíase tamén ao informe enviado pola Xunta, e asinado –como no outro caso– polo subdirector xeral de información sobre Saúde e Epidemioloxía para xustificar as medidas impostas, no que se aludía ao "fracaso" das actuacións previas para evitar a propagación da infección e se aventuraba unha " posíbel transmisión comunitaria de baixa intensidade allea ao brote".

Na comunicación da Consellaría de Sanidade naquelas datas sempre se desbotou a transmisión comunitaria e só un día antes o Sergas aseguraba ter o abrollo da Mariña baixo control.

Na tarde desta cuarta feira, a Xunta publicou a través do DOG a orde pola que levanta as limitacións de mobilidade na Mariña –agás en Burela– e mantén as preventivas ante a "evolución moi favorábel" da que esa mesma mañá falaba o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, quen, máis unha vez, daba o abrollo por controlado.

O documento apela a que, "malia os datos positivos dos últimos días, resulta preciso manter as medidas de prevención existentes en todos os concellos, agás as de mobilidade" e xustifica a decisión pola existencia de "casos que non poden asociarse ao resto dos coñecidos, polo que existe risco de que haxa un certo  nivel de transmisión oculta". Isto é, como advertían profesionais da Sanidade da Mariña días antes: transmisión comunitaria. 

Xa son nove os positivos en Betanzos

O xerente da área sanitaria da Coruña informou onte de que os positivos confirmados en Betanzos, vinculados  cun "caso importado de Catalunya", ascenden xa a nove e proceden de dous focos. Tamén onte se confirmou o contaxio dun médico de familia dun centro de saúde de Sanxenxo. Con todo, as cifras globais na Galiza mantéñense á baixa, con 227, 11 menos que no día previo.