Noa Presas, deputada do BNG

"O caso de Beatriz Mato é un absoluto escándalo"

A nacionalista Noa Presas foi electa pola militancia do BNG para volver encabezar a lista por Ourense.

Noa Presas é a portavoz do BNG en materia enerxética no Parlamento da Galiza. Deputada pola circunscrición de Ourense, levará á sesión plenaria de hoxe unha iniciativa sobre a política eólica defendida polo Goberno de Feixoo e sobre o sistema de portas xiratorias no sector enerxético galego.

—O desenvolvemento do sector eólico marca a actualidade parlamentaria de onte e hoxe. Que aspectos guían a política da Xunta da Galiza nesta materia?

Unha apisoadora que busca instalar a calquera prezo, sen planificación nin garantías medioambientais, nin retorno económico nin participación social. É tan salvaxe que hai eivas que comparten ecoloxismo, patronal, comuneiros, Consello da Cultura ou Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Converteron unha oportunidade nun gran problema ambiental, económico e democrático. Afortunadamente está tendo resposta e aínda pode corrixirse.

—Que valoración fai da sentenza do TSXG que anula o parque eólico do Roncudo en Corme?

É unha mostra máis da chapuza do marco normativo do PP, que cae como un castelo de naipes. Xa vimos sentenzas demoledoras como a do Iribio ou Sasdónigas que alertan da falta de garantías medioambientais. Agora a de Corme pon o foco na vulneración dos dereitos cidadáns ao reducir os prazos de participación pública, algo que tamén criticou o Consello da Cultura. Agardamos que sexa un precedente para frear proxectos lesivos e que non aconteza como con Corme, que chegou co dano feito.

—Denuncian desde a súa formación que o poder das eléctricas condiciona a política enerxética do Goberno galego. En que se basean para esta afirmación?

Aínda que se disfrace de defensor da Galiza, o Executivo galego é unha sucursal do PP madrileño, e como co PP e o PSOE no Estado hai un lobby na sombra que dita as normas, aprovéitase unha necesidade -cambiar o modelo enerxético e responder á emerxencia climática- para perpetuar privilexios.

Para a Galiza é letal. Co novo capitalismo verde repetimos a historia da grande hidráulica: deciden por nós e os recursos naturais que poderían xerar riqueza e xustiza social serven a intereses alleos.

—As portas xiratorias entre a Xunta e as eléctricas tamén están no centro do debate. Que valoración fan vostedes do caso de Beatriz Mato e da súa presenza no consello de administración de Greenalia?

É un absoluto escándalo, usou información privilexiada da consellaría e sendo conselleira participou na autorización de 80% dos parques operativos de Greenalia.

A paralización da Rede Natura e as dúas leis de depredación son pezas que encaixan nun quebracabezas máis grande no que, a medida que pasa o tempo, vemos que hai nomes e apelidos do PP directamente beneficiados. Venden o país para o seu beneficio.

—Á  fronte da eólica terrestre sumáselle tamén a eólica mariña. Que opinión manteñen a respecto dos proxectos actualmente en marcha?

Vémolo con preocupación. Primeiro, porque PP e PSOE romperon o consenso que impulsara o BNG en 2009 para rexeitar a proposta de ordenación do Estado por ser incompatíbel coa pesca e cos ecosistemas mariños, e rompérono nun momento onde había que negociar que quería Galiza na nova regulación, renunciando a defender os intereses do país.

Segundo, porque vai ser Madrid e non Galiza quen decida que pasa na nosa costa e iso, ademais de ser indecente, sempre sae mal. E en terceiro lugar, porque a Xunta ten unha axenda oculta para traballar ás agochadas do sector.

Hoxe non hai garantías de compatibilidade, polo que reclamamos a declaración do litoral como espazo non apto para a eólica mariña.

Os Next Generation e o capitalismo verde

A voceira do Bloque Nacionalista Galego en materia enerxética, Noa Presas, advirte na súa conversa con Nós Diario dos riscos do denominado "novo capitalismo verde" e alerta sobre a posibilidade de repetir os erros cometidos na fase de desenvolvemento da grande hidráulica durante ás décadas do franquismo.

O catedrático de Historia Económica da Universidade  de Santiago de Compostela Xoán Carmona ten sinalado en diversos estudos que o negocio hidráulico non xerou beneficio ningún para o país, sendo a día de hoxe unha mostra diso o enderezo fiscal das principais operadoras hidroeléctricas do país.

Precisamente, o programa Next Generation, un plan de rescate masivo aos grandes grupos empresariais, é unha panca central deste "novo capitalismo verde", que está detrás dos grandes proxectos en materia de renovábeis na Galiza.