Case 10 meses despois do accidente mortal en Cerdedo-Cotobade, o Estado asegura que xa iniciou as obras na N-541

Lugar no que se precipitou o autobús. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra indicou que as obras de reparación e substitución do sistema de contención de vehículos do viaduto comezaron a semana pasada.

A Subdelegación do Goberno español en Pontevedra lembrou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) xa executa as actuacións de reparación do viaduto de Vichocuntín sobre o río Lérez no quilómetro 66+900, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, onde se produciu o accidente de autobús no nadal de 2022 que deixou sete mortes.

A través dun comunicado, a Subdelegación do Goberno pronunciouse na mesma xornada na cal os alcaldes dos municipios agrupados baixo o 'Pacto de Pedre' que demanda unha remodelación integral da estrada N-541 sumaron esta segunda feira os apoios do Concello de Pontevedra e da Deputación.

A Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra indicou que as obras de reparación e substitución do sistema de contención de vehículos do viaduto comezaron a semana pasada e supoñen un investimento de 1.101.764,68 euros.

Os traballos

En concreto, os traballos consisten na disposición dun novo petril de formigón, sendo necesario o reforzo e a ampliación do taboleiro do viaduto.

Así mesmo, o Goberno asegura que mantén o investimento de catro millóns de euros para a mellora do firme da estrada entre os puntos quilométrico 51 e 68.

Neste mesmo comunicado, a Subdelegación do Goberno aproveita para lembrar que "os informes técnicos da Garda Civil indican que o tráfico accidente ocorrido" na N-541, que deixou sete falecidos na noite de Nadal, "debéronse a un exceso de velocidade", a pesar das reiteradas denuncias polo estado da estrada.