A sétima vítima mortal do accidente de autobús ocorrido a pasada Noiteboa en Cerdedo-Cotobade é unha muller de 47 anos natural de Vigo, que regresaba de visitar un interno na prisión de Monterroso. Así o veñen de confirmar fontes próximas ao caso, que precisaron que a falecida viaxaba no autobús acompañando a única pasaxeira sobrevivente —canda o condutor—, quen tamén visitara esa noite no cárcere de Monterroso un coñecido.
Foi o fillo da muller sobrevivente, que permanece ingresada con fracturas no Hospital de Montecelo, quen deu a voz de alarma esta segunda feira, logo de que o domingo se dese por concluído o operativo de busca de vítimas con seis falecidos.
Os servizos de emerxencias non tiñan constancia entón de máis denuncias por desaparición, aínda que algunhas voces apuntaban a que no autobús sinistrado poderían viaxar oito persoas e non sete.
Con todo, esta segunda feira este mozo informaba de que a súa nai non viaxaba soa no autobús, senón en compañía doutra muller que tamén acudira ao cárcere de Monterroso a ver un interno.
Púxose entón en marcha un operativo que concluíu coa localización contra o mediodía do cadáver da muller, a uns 700 metros do vehículo. Foi recuperado con axuda do Pesca I dos Gardacostas.
Tras ter coñecemento da orixe viguesa desta muller, o alcalde, Abel Caballero, anunciou que as bandeiras da localidade ondearán a media hasta durante tres días en sinal de duelo por ela e por todas as vítimas mortais deste suceso "tráxico e dramático". Alén desta muller, outra das falecidas, unha profesora natural de Lalín, tiña fortes vínculos coa cidade de Vigo, á que se dirixía esa noite.
Sete vítimas mortais
Entre os falecidos está tamén un mozo boxeador de 21 anos, natural de Nigrán e residente en Lugo, onde estudaba, e unha cidadá peruana que non contaba con familia na Galiza. O Concello de Forcarei expresou as súas condolencias, indicando que a muller realizaba traballos coidando anciáns en Soutelo de Montes.
Así mesmo, tamén resultou falecida unha profesora natural de Lugo e residente en Lalín, que se dirixía a Vigo, e unha veciña de Agolada de 58 anos. A lista de falecidos complétana unha muller e mais o seu fillo, naturais de Agolada e residentes en Lalín.