A UE impulsa os vehículos eléctricos: en 2026 haberá un punto de carga cada 60 quilómetros

Cada 120 km deberá haber un punto de carga para camións e autobuses. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A medida enmárcase no obxectivo do ente comunitario de reducir significativamente as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Após aprobaren os Estados membros da Unión Europea esta segunda feira o veto á venda a partir do ano 2035 de motores de combustión —diésel, gasolina ou híbridos—, os equipos negociadores do Consello e do Parlamento Europeo alcanzaron esta terza feira un acordo provisional para ampliar a infraestrutura de recarga coa despregadura de estacións de carga de vehículos eléctricos cando menos cada 60 quilómetros, cunha potencia de 400 quilowatts (kW), para 2026, e incrementala a 600 kW para 2028.

O acordo informal, que aínda debe ser definitivamente aprobado polos colexisladores, estabelece obxectivos estatais mínimos obrigatorios para impulsar o desenvolvemento de combustíbeis alternativos e contribuír ao obxectivo da UE de reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro nun mínimo de 55% de cara a 2030.

A súa principal meta é ampliar a despregadura de estacións de carga ou reabastecemento de combustíbel alternativo para automóbiles, camións e mesmo avións estacionados. O texto tamén decreta a obriga de dispor dunha estación de carga cada 120 quilómetros para camións e autobuses, estacións que deberán estar instaladas na metade das principais estradas da UE para 2028 e ofrecer potencias de 1.400 kW a 2.800 kW, segundo o roteiro aprobado.

O sistema complementarase con dúas estacións de carga para camións en áreas seguras de estacionamento a partir de 2028, mentres que as excepcións a esta medida aplicaranse nas rexións ultraperiféricas, as illas e as estradas con moi pouco tráfico rodado.

De igual forma, os negociadores acordaron despregar estacións de reposición de hidróxeno ao longo da rede básica da Rede Transeuropea de Transporte cando menos cada 200 quilómetros para 2031.

Pola súa parte, os portos marítimos que teñan un mínimo de 50 escalas portuarias de grandes buques de pasaxeiros, ou 100 escalas portuarias de buques portacontedores, deberán proporcionar electricidade en porto aos devanditos buques de aquí a 2030.

O acordo estabelece tamén que os operadores de estacións de recarga eléctrica e de reposición de hidróxeno deben garantir a plena transparencia dos prezos, ofrecer un método de pagamento común ad hoc, como a tarxeta de débito ou de crédito, e pór a disposición datos pertinentes, como os relativos á localización, por medios electrónicos, garantindo así que o cliente estea plenamente informado.