Novo proxecto nas Rías Baixas

As augas galegas, albo da eólica mariña con case a metade dos MW tramitados polo Ministerio

O Miteco tramita 4.185 MW en augas galegas, o que representa 46% do total. (Foto: Infopuertos)
Case a metade dos 9 xigawatts de proxectos eólicos mariños que tramita actualmente o Goberno español sitúanse na Galiza. O último deles, o parque Volanteiro, que iniciou os procedementos administrativos esta cuarta feira, é o que Capital Energy prevé erguer nas Rías Baixas.

O Goberno galego anunciou a finais de setembro a autorización da primeira plataforma experimental de eólica mariña, que se situará a dez quilómetros do porto exterior da Coruña e contará cunha potencia instalada de 30 megawatts (MW). Esta infraestrutura servirá para recadar datos sobre a súa capacidade de produción enerxética de cara ao futuro desenvolvemento do sector, pendente aínda da aprobación, por parte do Goberno español, do regulamento desta industria.

Entre tanto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica iniciou xa a tramitación de até seis propostas empresariais para instalar parques eólicos mariños en territorio galego, promovidos por grandes compañías enerxéticas. Todos estes proxectos sumarían unha potencia instalada de case 4,2 xigawatts (XW), cifra que superaría o obxectivo marcado polo Executivo de Pedro Sánchez no conxunto do Estado español na Folla de ruta para o desenvolvemento da eólica mariña de cara a 2030: entre 1 e 3 XW.

De se aprobaren os catro parques que se prevén situar na Galiza, o país posuiría 6,9% da potencia prevista para ese ano para toda a Unión Europea —60 XW— e até 1,8% dos 228 XW proxectados a nivel mundial pola Axencia Internacional de Enerxías Renovábeis (Irena, en inglés). Deste modo, a Galiza concentra case a metade (46,4%) dos pouco máis de 9 xigawatts que tramita hoxe o Miteco correspondentes a diferentes proxectos de eólica mariña en todo o Estado.

A unha considerábel distancia, englobando un de cada catro parques presentados diante do Goberno español (24,9%), fica Catalunya, con catro parques que, de se autorizaren, sumarían unha potencia de 2,25 XW. E inmediatamente despois sitúase Canarias, cunha quincena de proxectos en curso que reunirían perto de 1,9 XW (21,4%). Un deles, Gofio (50 MW), impúlsao a enerxética galega Greenalia, que prevé que este sexa o primeiro proxecto de eólica mariña en entrar en funcionamento no Estado. Aliás, a compañía está tamén iniciando os trámites doutros catro parques nas augas que arrodean as illas.

En augas andaluzas, nomeadamente na costa de Almería, proxéctanse dous parques, por volta de 0,6 XW, e, finalmente, fronte a Bizkaia (Euskadi) tramítase unha iniciativa eólica de só 45 MW. En todos estes territorios, de igual modo que na Galiza, están tras os proxectos grandes grupos como Acciona, Cobra ou Capital Energy.

As Rías Baixas, o último obxectivo das promotoras

A compañía enerxética Capital Energy iniciou esta cuarta feira os trámites, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), para presentar o proxecto de eólica mariña denominado Volanteiro, que situaría os seus aeroxeradores en augas das Rías Baixas e tería unha potencia instalada de 510 megawatts (MW).

Esta é a única información dispoñíbel no momento actual sobre o sexto parque mariño previsto na Galiza —tramitado a través da sociedade Capital Energy Offshore—, pois o portal de información do Miteco dispón que aínda non se achegou a documentación referida ao mesmo.

Volanteiro é o sexto proxecto destas características que se prevé instalar en augas galegas, canda os parques que tamén tramita actualmente o Miteco Celta I —Ferrovial, 495 MW—, Galwind —Grupo Cobra, 1 XW—, San Cibrao —Iberdrola, 490 MW—, San Brandán —ídem— e Nordés —BlueFloat, 1,2 XW—.

Capital Energy —propiedade do ex xenro de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas— foi a gran beneficiaria da poxa para asignar proxectos de enerxías renovábeis cunha potencia total a instalar de 3,3 XW lanzada hai un ano polo Miteco, un concurso público do que se desmarcaron as grandes compañías do sector —como Iberdrola, Endesa, Greenalia ou Acciona— ao non estaren conformes coa proposta do Executivo estatal.

Deste modo, Capital Energy logrou facerse con 1.540 MW de eólica terrestre. A enerxética de Martín Buezas ten actualmente en diferentes fases de tramitación unha vintena de parques proxectados sobre o territorio galego.