Capital Energy e Greenalia suman 44,8% da potencia eólica autorizada pola Xunta

A empresa Capital Energy foi a que maior potencia eólica logrou da Xunta da Galiza desde o 1 de novembro. (Infografía: Nós Diario)
A Xunta da Galiza autorizou entre 1 de novembro de 2022 e 24 de xaneiro 2023 1.826 megawatts  eólicos. As empresas máis favorecidas polas resolucións do Goberno presidido por Alfonso Rueda foron Capital Energy, Greenalia e Adelanta. 67,5% da potencia total aprobada nestes tres últimos meses recaeu en compañías de fóra da Galiza.

A Xunta da Galiza autorizou nos últimos tres meses 1.826 megawatts. A rapidez do Goberno galego na tramitación desta potencia eólica estivo condicionada pola decisión do Executivo do Estado de anular os dereitos de acceso e conexión á rede eléctrica daquelas instalacións de xeración de enerxía que non contaran con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel con anterioridade ao 25 de xaneiro.

A potencia autorizada polo Goberno galego neste período significa ampliar a capacidade de xeración eléctrica de orixe eólica en 47,2%. Segundo os datos achegados pola Asociación Empresarial Eólica (AEE), a patronal estatal do sector, a Galiza contaba en 2021, último ano con datos, cunha potencia eólica instalada de 3.866 megawatts, após incrementala en 68,9 megawatts nese exercicio. Neste sentido, produciu 9.560.091 megawatts/hora, o que representou 54,4% do total da electricidade consumida no mercado galego.

Capital Energy e Greenalia son as grandes vencedoras deste proceso. A primeira delas conseguiu autorización para erguer 573,4 megawatts e aínda agarda pola resolución das solicitudes presentadas diante do Goberno do Estado para aqueles proxectos de máis de 50 megawatts.

A compañía, que non conta con ningún parque en funcionamento na Galiza, é propiedade de Jesús Martín Buezas, ex xenro do empresario e presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, e ten a súa sede social e fiscal na capital do Estado.

Greenalia, a empresa propiedade da familia Pardo, de cuxo consello de administración fan parte os antigos conselleiros da Xunta da Galiza Beatriz Mato e Antonio Couceiro, logrou desta volta autorización para desenvolver 246,4 megawatts.

A decisión do Goberno galego permite á compañía aumentar en 383,8% a potencia actualmente en funcionamento, cifrada pola propia sociedade en 64,2 megawatts. Porén, a resolución dos grandes proxectos da empresa para Galiza, entre eles boa parte dos parques destinados a fornecer de electricidade Alcoa, dependen do Executivo Estatal

Adelanta e a alianza empresarial conformada por Avintia, Antonio Mascaró e a familia Nadal sitúanse a continuación. A primeira é unha veterana compañía ourensá do sector das renovábeis, presente no negocio hidráulico desde a súa fundación en 1957 e cunha potencia instalada de arredor de 100 megawatts. Neste sentido, Adelanta recibiu nos últimos tres meses autorizacións da Xunta da Galiza para erguer 191,8 megawatts eólicos

O conglomerado articulado arredor da compañía madrileña Avintia, o empresario balear Antonio Mascaró e a sociedade familiar do tenista Rafa Nadal é unha das sorpresas deste proceso. A compañía conseguiu autorización para desenvolver 172 megawatts eólicos. Neste caso, as entidades ecoloxistas denunciaron que os cinco parques presentados pola compañía e, finalmente, aprobados polo Goberno galego, fan parte dun único proxecto e denuncian a súa fragmentación.  

As grandes eléctricas non ficaron fóra do reparto. Así, Enel, a empresa pública italiana titular da antiga Endesa, logrou autorización para desenvolver 155 megawatts. Naturgy, a empresa catalá que paga os seus impostos en Madrid, conseguiu aprobar 112 megawatts. Adxudicándose a empresa con sede fiscal na capital do Estado, Iberdrola, 94,5 megawatts.  

As empresas galegas

67,5% da potencia autorizada pola Xunta entre 1 de novembro de 2022 e 24 de xaneiro de 2023 recaeu en compañías de fóra da Galiza. Así, as empresas galegas conseguiron 594,7 megawatts, encabezando a lista Greenalia con 246,4 megawatts, seguida de Adelanta con 191,8 megawatts, Galenergy con 75,5 megawatts, Aerogeneración Galicia con 51 e Ecoener con 30.

Galenergy, empresa emprazada en Palas de Rei, ten entre os accionistas o alcalde popular desta localidade, Pablo Taboada —por medio de Breotecnia SA e a matriz de ambas Grupo Breoenergy—. Aerogeneración Galicia é propiedade da construtora do Deza Taboada y Ramos, cuxa titularidade corresponde ao antigo concelleiro popular de Silleda Manuel Taboada. Ecoener pertence a Luis de Valdivia, investigado pola Xustiza pola súa relación coa trama eólica durante os gobernos de Manuel Fraga.

O Estado autoriza sete parques eólicos

Á potencia eólica autorizada pola Xunta da Galiza nestes tres últimos meses débeselle sumar a tramitada nese mesmo período polo Goberno do Estado. Neste sentido, o Executivo estatal deu luz verde a 533 megawatts de potencia, resultado a empresa públilica italiana Enel a máis favorecida do proceso.