Saúde

Cantas horas é recomendábel durmir? Como afecta a calidade do sono á saúde?

As persoas adultas non deben durmir menos de 6 horas. (Foto: Nós Diario)
Un estudo elaborado por investigadores noruegueses evidencia o impacto negativo na saúde de durmir demasiado pouco ou en exceso.

As horas de sono afectan notabelmente a saúde. Durmir pouco pode desencadear enfermidades; durmir en exceso, tamén. Así o demostra un estudo elaborado por persoal científico da Universidade de Bergen (Noruega) e publicado recentemente na revista médica Frontiers in Psychiatry. Para a investigación recrutaron estudantes de Medicina que traballaban en consultas médicas para que entregasen breves cuestionarios ás persoas doentes nos que se lles preguntaba pola calidade do sono e as enfermidades recentes que padeceran. Descubriron que os pacientes que declaraban durmir "pouco" ou "demasiado" tiñan máis probabilidades de sufrir unha infección, mentres quen sufrían problemas crónicos de sono tiñan máis probabilidades de precisar o uso de antibióticos.

"A maioría dos estudos observacionais anteriores analizaron a relación entre o sono e as infeccións nunha mostra da poboación xeral, e queriamos avaliar esta asociación entre pacientes de atención primaria, onde sabemos que a prevalencia de problemas de sono é moito maior que na poboación en xeral", sinala a doutora Ingeborg Forthun, autora do estudo.

Xa existen probas de que os problemas para durmir aumentan o risco de infección. Nun estudo anterior, as persoas infectadas deliberadamente por rinovirus tiñan menos probabilidades de arrefriarse se declaraban durmir ben. Os trastornos do sono son frecuentes, mais tamén tratábeis, e se se confirma a súa relación coa infección e o seu mecanismo, poderíase reducir o uso de antibióticos e protexer as persoas contra as infeccións antes de que se produzan, se ben os estudos experimentais non poden reproducir as circunstancias da vida real.

Forthun e o resto do equipo investigador entregaron ao estudantado de Medicina un cuestionario e pediron que o repartisen entre pacientes das salas de espera das consultas de medicina xeral nas que traballaban. Recolléronse 1.848 enquisas en toda Noruega, nas que se solicitaba describir a calidade do soño —canto tempo adoitan durmir, o apracíbel que é e cando prefiren durmir—, así como se tiveran algunha infección ou botaran man dalgún antibiótico nos últimos tres meses. A enquisa tamén contiña unha escala que identifica os casos de trastorno de insomnio crónico.

Con estes datos, os científicos descubriron que os pacientes que dormen menos de seis horas por noite tiñan 27% máis de probabilidades de padecer unha infección, mentres que os pacientes que durmían máis de nove horas tiñan até 44% máis de opcións de sufrila. Durmir menos de seis horas, ou sufrir insomnio crónico, tamén aumentaba o risco de necesitar un antibiótico para superar unha infección.

"O maior risco de declarar unha infección entre os pacientes que declararon unha duración do soño curta ou larga non é tan sorprendente, xa que sabemos que ter unha infección pode provocar tanto un soño deficiente como somnolencia —sostén Forthun—, pero o maior risco de sufrir unha infección entre os que padecían un trastorno crónico de insomnio indica que a dirección desta relación tamén vai no outro sentido; durmir mal pode facer máis susceptíbel unha infección".

Malia que existía certo potencial de nesgo no sentido de que o recordo das persoas sobre o sono ou os problemas de saúde recentes non é necesariamente perfecto, e non se recolleu información clínica do persoal médico que atendeu posteriormente os pacientes, o deseño do estudo permitiu recoller datos dun gran grupo de estudo que experimentaba con condicións do mundo real.

"Non sabemos por que os pacientes visitaron os seus médicos de cabeceira, e podería ser que un problema de saúde subxacente afecte tanto o risco de durmir mal como o risco de infección, pero non cremos que isto explique totalmente os nosos resultados", sinala Forthun. E engade que "o insomnio é moi común entre os pacientes de atención primaria, pero vimos que os médicos de cabeceira non o recoñecen suficientemente. Tanto os pacientes como os médicos de cabeceira deben ser máis conscientes da importancia do sono, non só para o benestar xeral, senón tamén para a saúde dos pacientes", conclúe.

As horas recomendadas de sono varían en función da idade, segundo as persoas expertas e a Organización Mundial da Saúde. Os bebés poden durmir até 18 horas, o dobre que o recomendado para a poboación adulta. Atopar un equilibrio é fundamental para garantir unha boa saúde do sono.