Canta calor vai na Lúa? Unha misión india sorprende o mundo da ciencia

O satélite da Terra, a Lúa (Foto: Nós Diario).
"ChaSTE (Experimento Termofísico de Superficie de Chandra) mide o perfil de temperatura da capa superior do chan lunar ao redor do polo, para comprender o comportamento térmico da superficie da Luna", indica a publicación da Organización de Investigación Espacial da India.

A Organización de Investigación Espacial da India (ISRO, polas súas siglas en inglés) publicou un gráfico que mostra a variación de temperatura na superficie lunar. "As primeiras observacións" foron obtidas mediante o instrumento ChaSTE, que se atopa a bordo do módulo de aterraxe Vikram da misión Chandrayaan-3.

"ChaSTE (Experimento Termofísico de Superficie de Chandra) mide o perfil de temperatura da capa superior do chan lunar ao redor do polo, para comprender o comportamento térmico da superficie da Luna", indica a publicación do organismo nas redes sociais.

O dispositivo está equipado cunha sonda de temperatura que dispón dun mecanismo capaz de penetrar no chan lunar a unha profundidade de até 10 centímetros, ademais de levar 10 sensores de temperatura individuais. "O gráfico presentado ilustra as variacións de temperatura da superficie lunar a varias profundidades, rexistradas durante a penetración da sonda. Este é o primeiro perfil deste tipo para o polo sur lunar", informa a ISRO.

Asombro

Os datos obtidos polo aparello asombraron ao equipo da institución. "Todos criamos que a temperatura podería ser de entre 20 e 30 graos centígrados na superficie, pero é de 70 graos centígrados. Isto é sorprendentemente máis alto do que esperabamos", afirmou o científico da ISRO B.H.M. Darukesha.

"Cando penetramos entre dous e tres centímetros no interior da Terra, apenas vemos unha variación de dous a tres graos centígrados, mentres que alí [na lúa] a variación é duns 50 graos centígrados. Isto é algo interesante", dixo.

A misión Chandrayaan-3, que foi lanzada o pasado 14 de xullo, está conformada por un módulo de aterraxe e un vehículo de exploración. Espérase que realice unha serie de experimentos científicos orientados ao estudo da composición mineral do chan lunar.