Cando haberá asentamentos humanos na Lúa?

A misión Artemis da NASA busca recadar información para a futura e "indefinida" arribada humana ao satélite.
A nave Orion partiu a pasada semana. (Foto: Bill Ingalls / NASA)
photo_camera A nave Orion partiu a pasada semana. (Foto: Bill Ingalls / NASA)

O pasado 16 de novembro despegou da Terra a nave espacial Orion rumbo á Lúa, na que se agarda que sexa a segunda 'visita' ao satélite máis de medio século despois... Iso si, desta volta, a nave está tripulada por tres bonecos que imitan os ósos, tecidos e órganos humanos co obxectivo de determinar como afectaría esta viaxe a tripulantes humanos.

Orion fai parte do programa Artemis I da NASA. Esta misión durará 42 días, tempo suficiente segundo as previsións para que a aeronave percorra 450.000 quilómetros desde a Terra até a Lúa, e posteriormente se desprace outros miles de quilómetros alén da cara oculta do satélite.

Artemis II, o seguinte paso nesta carreira espacial, permitirá unha nova viaxe tripulada por persoas, e nunha terceira incursión agárdase que sexa posíbel a primeira alunizaxe de persoas desde 1969.

O obxectivo final de Artemis é saber como, cando e en condicións está a Lúa para, así, prever unha posíbel arribada humana "con carácter indefinido", isto é, crear asentamentos permanentes no noso satélite.

"Creo que é un día histórico para a NASA, pero tamén para todas as persoas que aman os voos espaciais tripulados. Imos regresar á Lúa e estamos a traballar para lograr un programa sostíbel. Este é o vehículo que levará persoas á Lúa", celebrou este domingo en declaracións á BBC británica o director deste programa, Howard Hu.

Ese momento, dixo, está xa máis perto que lonxe: "Desde logo, ao longo desta década teremos xente vivindo durante longos períodos de tempo [na Lúa], dependendo de canto vaiamos pasar na superficie", explicou.

"Vai ser moi importante para nós aprender máis aló da órbita da Terra para o momento no que vaiamos a Marte", precisou tamén Hu. Previamente chegará a Lúa, e para iso a investigación do programa Artemis tentará descubrir se hai auga no polo sur do satélite, un "factor chave" para lograr combustíbel e que, deste modo, as naves poidan "adentrarse máis no espazo".

Comentarios