A axencia espacial de Rusia, Roscosmos, confirmou este domingo que a estación Lúa-25, o seu primeiro proxecto de aluaxe en case 50 anos, estrelouse sobre a superficie do satélite tras unha manobra de aproximación orbital errada.
"De acordo cos resultados da análise preliminar, dada a desviación dos parámetros de impulso reais respecto aos calculados, a nave acabou cambiando a unha órbita fóra do estabelecido e resultou destruída como resultado dunha colisión coa superficie lunar", informou Roscosmos.
A axencia rusa xa anunciara este pasado sábado a suspensión dunha manobra preliminar de achegamento da sonda.
Este domingo, Roscosmos precisou que perdeu o contacto coa nave como consecuencia deste fallo e todos os intentos por recuperar o contacto foron en balde, explica nun comunicado difundido na súa conta de Telegram.
Investigación
Roscosmos anunciou a creación dunha "comisión interdepartamental para estudar as razóns específicas da perda de contacto coa nave".
Lúa-25 tentaba ser a primeira estación da historia en aterrar no polo sur da Lúa. As principais tarefas da misión eran probar as tecnoloxías dunha aterraxe suave, estudar a estrutura interna e explorar os recursos, incluída a auga.
Rusia lanzou a nave a semana pasada nunha carreira coa axencia estadounidense, NASA, e outras axencias espaciais, e en principio a aluaxe estaba prevista para este domingo.
O polo sur lunar é un obxectivo moi cobizado entre as nacións que realizan actividades espaciais, EUA e China entre elas. De feito, a nave espacial india Chandrayaan-3 está a orbitar a Lúa e probabelmente tentará a aluaxe perto do polo esta mesma semana.