Haberá unha nova misión humana para aterrar sobre a superficie lunar?

A Axencia Espacial Tripulada da China anunciou un plan para executar unha aluaxe tripulada "con características chinesas".
O satélite da Terra, a Lúa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A China pretende enviar unha misión tripulada para aterrar na Lúa (Foto: Nós Diario).

O asistente do director da Axencia Espacial Tripulada chinesa, Ji Qiming, anunciou esta segunda feira, durante unha conferencia de prensa previa ao lanzamento da misión espacial tripulada Shenzhou-15, que se lograron distintos avances tecnolóxicos relacionados co programa de exploración lunar do Estado asiático, polo que cada vez están máis perto de realizar unha aterraxe na superficie do satélite da Terra, informou a axencia Xinhua.

"Os pasos da China na exploración espacial non quedarán na órbita terrestre baixa e seguramente voaremos máis lonxe", declarou Ji, quen indicou que "a Lúa é unha base ideal e un posto de avanzada para que os seres humanos se expandan, desenvolvan e utilicen o espazo extraterrestre". En consecuencia, sinalou que a exploración lunar é considerada como "un punto de acceso" e ao mesmo tempo "un centro do desenvolvemento dos voos espaciais tripulados no mundo moderno".

Así mesmo, mencionou que se desenvolveu un plan para executar unha aluaxe tripulada "con características chinesas", ademais de que se obtiveron progresos "en tecnoloxías chave, como unha nova xeración de naves espaciais tripuladas, unha nova xeración de vehículos de lanzamento tripulados, módulos de aterraxe lunar e traxes de aterraxe lunar".

"O país está listo para implementar o proxecto de aluaxe", recalcou Ji, concluíndo que confía en que a meta de descender á superficie lunar "farase realidade nun futuro próximo". O funcionario chinés non proporcionou máis detalles sobre estes avances tecnolóxicos.

A Corporación de Ciencia e Tecnoloxía Aeroespacial da China (CASC) explicou nun comunicado, citado o pasado 8 de novembro por Global Times, que o seu foguete tripulado de nova xeración, o cal está deseñado con base na estratexia xeral das autoridades espaciais do país, terá a capacidade de levar unha nova nave espacial tripulada ou un módulo de aterraxe lunar. Ademais, subliñou que o foguete entrou en fase de desenvolvemento de prototipo, xa que os encargados da súa construción concluíron a etapa de investigación.

Con respecto á súa carga útil, o organismo detallou que o foguete terá unha capacidade de órbita de transferencia lunar de 27 toneladas e unha capacidade de órbita terrestre próxima de 70 toneladas. "Será o apoio estratéxico chave no avance do país cara a unha potencia espacial", recalcou a CASC, finalizando que prevén que o foguete "alcance as condicións de voo inaugural para 2027".

Zhao Xinguo, funcionario da Academia de Vehículos de Lanzamento de China, manifestou que tamén se está desenvolvendo un modelo de foguete que será capaz de levar unha carga útil máis pesada, xa que poderá transportar até 50 toneladas á órbita de transferencia Terra-Lúa, así como 35 toneladas á órbita de transferencia de Marte e 150 toneladas á órbita terrestre baixa. Así mesmo, detallou que o voo inaugural deste novo foguete podería realizarse en 2030.

A pasada semana, o académico chinés Wiren Wu comentou, durante o Segundo Taller da Alianza Global da ONU sobre a Exploración Espacial, os detalles do programa de exploración lunar da China con miras a unha futura misión tripulada.

Comentarios