Cando e como rematará a pandemia da Covid?

Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Un estudo do Instituto Global de Saúde de Barcelona debulla como será o paso de virus "pandémico" a "endémico".

A Galiza abeira no inicio do presente ano os peores datos de toda a pandemia no que atinxe aos contaxios da Covid-19, malia que a situación nos hospitais é significativamente mellor que antes de principiar a campaña de vacinación. Após rexistrarse máis de 300 millóns de positivos en todo o globo e unha tendencia á alza nas infeccións que semella non ter fin, cada vez máis xente repide a mesma pregunta: cando rematará a pandemia?

Os virólogos Adelaida SarukhanJeffrey V LazarusJose Muñoz e Clara Marín, do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), veñen de publicar un estudo no que abordan como se alcanzará unha fase endémica da Covid-19.

O máis probábel, salientan, é que o virus SARS-CoV-2 acabe por tornar en endémico e conviva coa poboación da mesma forma que acontece cos outros catro coronavirus que provocan os arrefriados comúns.

"A eliminación da transmisión viral nunha rexión determinada require de inxentes esforzos de coordinación e representa un elevado custo socioeconómico a longo prazo. Ademais, a utilización de vacinas eficaces desprazou os esforzos da eliminación do virus á mitigación do seu impacto", sosteñen.

O SARS-CoV-2, de "pandémico" a "endémico"

A velocidade á que cada país logre alcanzar unha fase "endémica" deste coronavirus, afirman as persoas expertas do ISGlobal, "dependerá do seu acceso ás ferramentas actualmente dispoñíbeis", nomeadamente as vacinas, os tests rápidos, as máscaras ou as posíbeis melloras nos sistemas de ventilación.

No que atinxe á aparición de novos tratamentos farmacolóxicos antivirais que reduzan as hospitalizacións, como o medicamento Paxlovid que comercializa Pfizer —e do que o Estado español xa encargou 344.000 tratamentos completos—, son unha ferramenta "moi necesaria" que contribuirá a "acelerar esta transición", sempre que sexan "globalmente accesíbeis e asequíbeis".

"Porén, esta transición tamén pode verse atrasada ou mesmo revertida pola redución da inmunidade en certos grupos de poboación, polo alarmante nivel de reticencia ás vacinas e de desinformación en moitos países", engaden.

Chegar á fase endémica e ficar neste novo escenario, argumentan, "require dunha estratexia global na que os obxectivos e criterios estean claramente estabelecidos". "Debemos intentar limitar a transmisión vírica a toda costa? Ou o noso obxectivo é reducir hospitalizacións e mortes? Cantas hospitalizacións ou mortes son aceptábeis?", preguntan. A resposta, din, dependerá das "distintas percepcións do risco" de cada país.

Novos obxectivos

A meta principal, polo tanto, deberá ser "desprazar os nosos obxectivos cara o alcance dunha transmisión baixa e controlada e reducir en gran medida os casos graves e as hospitalizacións, así como os casos de Covid prolongada".

As empresas, aliás, "deben aprender a adaptarse" para enfrontarse a un "segundo gran virus estacional" alén da gripe, que supón perdas de "entre 6.000 e 10.000 millóns de euros anuais só en Alemaña e Francia". Esa adaptación pasará por fomentar o teletraballo, proporcionar baixas por enfermidade pagas e garantir unha ventilación axeitada no posto de traballo.