Esta é a canción que representará Galiza no festival de música feita por Intelixencia Artificial

Presentación de 'AI-Lalelo' esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Europa Press).
O coordinador do proxecto, Joel Cava, remarcou que este tema, xerado por Intelixencia Artificial "reivindica a tradición e innovación da cultura galega".

O equipo PAMP!, cuxo nome rende homenaxe á primeira programadora informática galega, presentou esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela a canción AI-lalelo, título que é un xogo de palabras coas siglas de ‘intelixencia artificial’ en inglés (Artificial Intelligence: AI).

O coordinador do proxecto, Joel Cava, remarcou que este tema, xerado por Intelixencia Artificial "reivindica a tradición e innovación da cultura galega".

Esta canción representará Galiza no IA Song Contest, o festival de música xerada por IA creado en 2020 durante a pandemia. O evento, que decorrerá o próximo 6 de xullo, reunirá 15 finalistas de todas as partes do mundo na cidade belga de Lieja. Xa se pode votar por Ai-Lalelo a través de internet.

Ademais de Joel Cava, na rolda de prensa participaron o compositor, Xandre Outeiro, e o produtor musical, David Santos. De maneira telemática tamén interviñeron outro membro da composición da letra, Juan Alonso, e a realizadora do videoclip, Marta Verde.

Cava desvelou o propósito do proxecto, nacido o 23 de marzo deste ano. Trátase dunha iniciativa “dedicada ás mulleres galegas”. A canción, centrada na figura dunha costureira durante as catro estacións do ano, presentarase en directo este 1 de xullo na TVG.

O proceso creativo

Durante o proceso para xerar a letra, o grupo encontrouse co problema da non existencia dun modelo que xerase textos en galego. Para solucionalo,  PAMP! extraeu 450 coplas para dotar o sistema de letras en galego.

A respecto da melodía do tema, o equipo optou por composicións da música tradicional galega. O proceso baseouse na xeración automática por parte dunha computadora das melodías tras engadir unha primeira melodía inicial.

Montaxe e videoclip

Por outra parte, para a montaxe final, o persoal utilizou unha transferencia tímbrica, é dicir, converteu a voz humana e instrumentos empregados nunha linguaxe lexíbel para o computador.

Para finalizar, Marta Verde, que tamén traballou coas Tanxugueiras, explicou o proceso de realización do vídeo. Este baséase en "recompor" o contido de cada verso, un traballo "laborioso" que duraba 30 minutos de computación por cada segundo do vídeo final.