Tecnoloxía

A segunda fase do 'Proxecto Nós' afondará no recoñecemento da idioma

Esta iniciativa de intelixencia artificial impulsada pola USC e a Xunta aspira á "total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico".
De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Cristina Gallach, Antonio López e María Bobillo. (Foto: Santi Alvite / USC)
photo_camera De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Cristina Gallach, Antonio López e María Bobillo. (Foto: Santi Alvite / USC)

O 'Proxecto Nós' chegou á súa segunda fase. Así se confirmou a pasada semana, coa sinatura dun segundo convenio de colaboración por parte do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e do conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez.

'Nós: intelixencia artificial ao servizo da lingua galega' é unha iniciativa que pretende conseguir a presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio á diagnose médica, servizos de teleasistencia avanzada ou tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións que garantirán a presenza da lingua galega nas contornas dixitais.

Agora, nesta segunda fase, os promotores pretenden acadar "unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libre e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polo tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral".

A fin de dar a coñecer o estado actual do proxecto, USC e Xunta da Galiza desenvolveron esta segunda feira unha xornada dirixida ao público xeral, mais tamén a universidades, empresas e administracións. O foro decorreu no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Compostela e profundou nesta iniciativa, que aspira á "total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico".

En concreto, a segunda fase presentada esta segunda feira acomete seis subproxectos en materia de síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática e corrección e avaliación lingüística.

A xuntanza contou cunha mesa redonda e varios relatorios, e foi inaugurada por Antonio López, Román Rodríguez, a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), María Bobillo, e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua do Goberno de España, Cristina Gallach.

O foro contou con diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do proxecto 'Nós' a cargo de varios investigadores que están a traballar nesta iniciativa, tanto do CiTIUS como do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, un centro de investigación que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego.

Con esta xornada informativa séguense a dar pasos para avanzar no proxecto 'Nós', que vén de entrar na súa segunda fase. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores e investigadoras avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.

Comentarios