Tanxugueiras lanzará o seu novo disco o 29 de xullo e abren prevenda

A formación de pandeireteiras anunciaron a saída do seu novo traballo discográfico con cancións tan coñecidas como 'Terra' ou 'Midas'. Ademais, estrearán por San Xoán o tema 'Seghadoras'.
Campaña de prevenda do novo disco Tanxugueiras (Foto: Nós Diario)
photo_camera Campaña de prevenda do novo disco Tanxugueiras (Foto: Nós Diario)

Tanxugueiras xa ten data de lanzamento do seu terceiro disco: a sexta feira 29 de xullo. As pandeireteiras revelan así unha das preguntas máis recurrentes pola súa comunidade de fans, que nos últimos meses tiveron ocasión de escoitar, paseniño, algúns dos sinxelos que formarán parte do mesmo, como Desidia, Pano Corado, Averno, Figa, Midas ou Terra.

O novo álbum, que as cantareiras están a avanzar nos directos da súa Xira Midas, terá a súa presentación oficial nun festival: será o sábado 6 de agosto no marco do SonRías Baixas (Bueu).

Campaña de prevenda do novo disco

No marco deste anuncio, o grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, a campaña de prevenda deste terceiro disco e no que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro animan ao público a reservar e apoiar o seu novo traballo discográfico. "Non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco", sinalan as músicas.

A plataforma é, ademais, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para "combatir o tanxumono" mentres que o álbum non chega.

"Entre os síntomas máis comúns do tanxumono", segundo sinalan Olaia, Aida e Sabela, inclúese "o tembleque pandeireteiro nunha das mans ou aturuxar máis de tres veces ao día sen motivo aparente". O acceso á prevenda do disco está dispoñible desde a propia páxina web da plataforma. 

Ademais, a formación anunciou que por San Xoán, a partir das 00 horas, publicará en todas as plataformas dixitais o sinxelo 'Seghadoras', tema que se acompañará dun videoclip.

Comentarios