A Campaña da Renda e Patrimonio de 2022 arranca esta terza feira

Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A Campaña da Renda e Patrimonio de 2022 arrancará esta terza feira 11 de abril, coa presentación das declaracións por internet, conforme ao calendario do contribuínte fixado pola  Axencia Tributaria.

 

A Campaña da Renda deste ano, que se corresponde cos ingresos obtidos en 2022, prolongarase entre 1 e 30 de xuño de maneira ordinaria. Porén, desde esta terza feira poderán presentarse as primeiras declaracións do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) e de Patrimonio por vía dixital.

As declaracións por internet non deixan de gañar terreo nos últimos anos, acolléndose a esta modalidade 9 de cada 10 contribuíntes. Precisamente, para estes a Axencia Tributaria xa habilitou a descarga dos datos fiscais.

O prazo para a formalización da declaración do IRPF e de Patrimonio por vía telefónica ficará aberto desde 5 de maio até 30 de xuño. Asemade, entre 1 e 30 de xuño os contribuíntes poderán presentar a súa declaración presencial nas oficinas da Axencia Tributaria.

A Campaña da Renda deste ano presenta diversas novidade en relación a outros exercicios. A maioría delas derívanse das mudanzas normativas aprobadas nesta última anualidade.

A  achega individual máxima aos plans de pensións privados con dereito a dedución no IRPF redúcese até 1.500 euros anuais. Neste caso, trátase dunha medida moi criticada pola banca.

As contribucións máximas aos plans de empresa con dereito a dedución soben a 8.500 euros para 2022. Entre ambas, a achega total con beneficios fiscais mantense en 10.000 euros anuais.

As actividades económicas en estimación obxectiva beneficiaranse dun aumento da redución xeral sobre o rendemento neto de módulos de 5% a 15% para o período impositivo 2022.

A Axencia Tributaria fixa unha compensación de 35% do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e do 15% do prezo de adquisición dos fertilizantes para as actividades agrícolas e gandeiras, coa finalidade de compensar o incremento do custo de determinados insumos.