Cae a presión hospitalaria mais repuntan os contaxios en vésperas do día de Nadal

Complexo hospitalario universitario da Coruña (Foto: Europa Press)
A área sanitaria de Compostela mantén o maior número de positivos, con 1.270, e tamén o número máis elevado de camas hospitalarias ocupadas, con 82.

A presión asistencial derivada da Covid-19 mantense á baixa en vésperas dos primeiros festivos deste Nadal, mentres os novos casos detectados medran en case un centenar na última xornada. A Consellaría de Sanidade notificaba esta cuarta feira que 341 persoas permanecen ingresadas con coronavirus, 48 delas na UCI, o que supón unha baixada de 16 casos respecto ao día anterior, mentres os novos positivos ascendían a 342, 97 máis que un día antes. 

A incidencia, porén, non é homoxénea, e así como as áreas sanitarias da Coruña-Cee (71), Ferrol (33), Lugo-Mariña-Monforte (13), Ourense-Verín-O Barco, (28) e Pontevedra-O Salnés (48) reducen levemente a presión hospitalaria, na de Compostela –a que ten maior número de persoas ingresadas, 81, cinco na UCI– e Vigo (67) aumenta o número de camas ocupadas, cun e sete casos máis, segundo a área.

En canto aos novos contaxios detectados nas últimas 24 horas, concéntranse na área sanitaria de Vigo (82, o duplo que na xornada previa), da Coruña (68, 58 máis que o día antes) e na de Compostela (61, 19 máis). 

 Á vista das cifras, a de Compostela segue a ser a área con maior número de casos positivos, cun total de 1.270, 22 máis que na xornada precedente. Neste sentido, o alcalde de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, amosou onte a súa "preocupación" polo aumento de casos, que na cidade cifrou en 214, malia os "indicios" de que ese incremento se vai ralentizando.

"Non podo estar contento. Estou preocupado e a cidadanía debería estalo tamén", manifestou, advertindo de que a tendencia pode provocar restricións máis severas á volta das festas. "É evidente que a socialización e a mobilidade inflúen na propagación do virus. E o Nadal é a época propicia para que se dean estes dous factores. O risco dun maior incremento é claro", declarou, achacando 90% dos contaxios ás relacións familiares, unha contorna "moi difícil de acoutar, dado que a casuística, dixo, é "moi diversa". 

Por detrás, en número de casos activos, sitúase Vigo, con 1.216 –26 menos–, e Pontevedra, con 911 –11 menos–, mentres que a área da Coruña contabiliza 880 –14 máis– e a de Ourense, 506 –13 menos que un día antes–. 

Os datos de novos contaxios prodúcense nunha xornada na que tamén aumentaron en máis de 2.500 o número de probas PCR realizadas, até as 9.376. Nela contabilizáronse, ademais, catro novos falecementos, que alcanzan así os 1.350.

En canto aos centros de maiores, os datos trasladados pola Consellaría de Política Social refiren que a cifra de residentes con coronavirus baixa por primeira vez desde hai semanas da centena. Son, segundo esta fonte, 99 casos, dos que 17 corresponden ao Crapd Vigo II, o centro con maior incidencia, a día de hoxe. Os contaxios entre as persoas traballadoras sitúase en 118, despois de que nas últimas horas se detectasen catro novos contaxios –tres na residencia Bellavista Care de Nigrán– e se producisen sete altas.

Nos centros de ensino, a pandemia mantén fechadas tres escolas e 53 aulas, e rexístranse 846 casos activos, unha cifra levemente inferior á do día anterior, con 858.