Os contaxios volven aumentar

Punto COVID habilitado na Coruña para realizar probas PCR

A área sanitaria de Santiago mantense como os de máis casos activos, seguida de Vigo.

O número de casos de Covid-19 detectados na Galiza subiu esta terza feira até os 299 positivos -97 máis que o día anterior-, aínda que a presión hospitalaria descendeu, con 16 ingresados menos até os 341.

Así se desprende da actualización dos datos da pandemia publicada na mañá de hoxe na páxina web da Consellería de Sanidade, con cifras recollidas até as 18:00 horas da terza feira.

Até ese momento, nas 24 horas previas detectáronse 299 contaxios nun total de 9.376 probas PCR, 2.519 máis que na xornada anterior. Segundo os datos de Sanidade, a taxa de positividade situouse no 2,3%.

Pola súa banda, a presión hospitalaria rexistrou, fronte á xornada anterior, un descenso. En concreto, hai hospitalizadas 341 pacientes con Covid, 16 menos que a xornada anterior, mentres as persoas en UCI baixan en tres até as 48.

Nesta última actualización, a área de Santiago-Barbanza segue sendo a que conta con maior número de hospitalizados, un total 81 -un máis que a xornada anterior-. Deles, cinco están na UCI, dúas menos.

En canto ao balance na detección de casos, Galiza rexistrou 299 contaxios nun día, 97 máis que os notificados a segunda feira, após realizar 9.376 probas, 2.519 máis que a xornada anterior.

Os datos de Sanidade sinalan que Vigo é a área que reporta máis contaxios, cun total de 82 positivos -41 máis que na xornada anterior-. Séguenlle a área da Coruña, con 68, 58 máis respecto da xornada anterior, e a de Santiago, con 61 positivos, 19 máis.

Santiago mantense como a área con máis casos positivos, até os 1.270 -22 máis-, mentres que Vigo sitúase en 1.216 casos activos -26 menos- e Pontevedra con 911 -once menos-. Na Coruña, contabilízanse 880 -14 máis- e en Ourense 506 -13 menos-.

Así mesmo, a web de Sanidade recolle que levaron a cabo nas últimas 24 horas un total de 9.376 probas PCR, 2.519 máis que na xornada anterior. A taxa de positividade nestas últimas 24 horas nun 2,3%, por baixo do día antes -3,8%- e inferior ao que marca a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

Doutra banda, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden xa a 1.350 após a morte de catro persoas notificada nas últimas horas.