Salvador Illa sobre a Covid-19: "As cousas non están a evolucionar ben"

Illa compareceu após a reunión do Consello Interterritorial de Saúde. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, compareceu após o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e pediu á cidadanía que pase as festas "en casa" e só coa "familia máis próxima".
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, advertiu esta cuarta feira sobre a evolución negativa do coronavirus. Despois de manter a reunión semanal do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), o representante do Goberno do Estado español destacou que "as cousas non están a evolucionar ben".
 
Por iso, como recomendación e á marxe de que os diferentes territorios teñas as súas programacións de medidas para o Nadal, pediu á cidadanía que as festas sexan "na casa". Ademais, o axeitado sería estar só coa "familia máis próxima".
 
Illa incidiu así na necesidade de reducir os contactos sociais e, en consecuencia, limitar na medida do posíbel unha futura subida dos contaxios do virus. De feito, non é a primeira vez que se deixa ver que hai temor a unha terceira ola despois do Nadal.
 
Na rolda de prensa posterior ao encontro de traballo, o responsábel de Sanidade lamentou o "ascenso" da expansión do coronavirus. "É un ascenso que preocupa, preocúpanos moito", subliñou.
 
É dicir, o temor e as recomendacións non só están no equipo de Pedro Sánchez, senón tamén na mente das Administracións públicas dos diferentes territorios do Estado español. Así, alertou de que todas e todos miran con "preocupación" o incremento de desprazamentos e contactos previsto para estes días.
 
"Temos que estabilizar isto e decrecer", resumiu. Ao fío desta afirmación, preguntóuselle se van incrementar as limitacións nas festas e Illa só lembrou que xa hai prohibicións por zonas. No entanto, "ninguén descarta endurecer" os seus plans.
 
"Pido moverse o mínimo posíbel e limitar contactos. Estes días son para pasalos en casa coa familia máis próxima. Hai unha esperanza, que nos vén co inicio do proceso de vacinación, pero vai tardar uns meses en materializarse. Pido moitísima prudencia estes días, é moi fácil deixarse levar pola emotividade das festas", rematou.