Cae a pobreza, menos para as mulleres

Infravivenda, chabolismo, persaos sen fogar, sen temperatura nin condicións adecuadas: a emerxencia en vivenda empeorou en 2021. (Foto: Nós Diario)
No ano 2021 a pobreza diminuíu na Galiza, mais baixou só entre os homes. Os últimos datos sobre pobreza e exclusión social ofrecidos onte pola Rede galega contra a pobreza, coincidindo co día internacional para a súa erradicación, afondan na feminización da pobreza mais tamén na eficacia das medidas socias que buscan aliviala.

Non é un dato favorábel nin positivo ao cen por cento, mais si apunta a eficacia das medidas extraordinarias implantadas polas Administracións públicas para paliar a emerxencia social declarada pola Covid.

"É esperanzador", conclúe en declaracións a Nós Diario Xosé Cuns, director de EAPN Galiza, a Rede galega contra a pobreza, tras dar a coñecer onte os principais datos referidos ao risco de pobreza e exclusión social no territorio referidos ao ano 2021. "No ano da pandemia, o risco de pobreza e exclusión social diminuíron na Galiza. Mais non para todas as persoas. Diminuíu para os homes -0,9%- e aumentou para as mulleres -0,7%-", nomeadamente en fogares monoparentais e onde viven persoas maiores soas.

O ano pasado, un 25,2 % da poboación galega estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social (taxa Arope). Esta cifra sitúase 2,6 puntos por baixo da media estatal, que rexistrou un crecemento de 0,8% até situarse en 27,8%. En termos absolutos, unhas 678.000 persoas residentes na Galiza en 2021 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social unhas 4.000 menos que no ano 2020.

De non ser por ese escudo social, en 2021, no conxunto do Estado habería 1,5 millóns de persoas máis en risco de pobreza ou exclusión e 127.000 máis na Galiza

Son datos "para o optimismo" que confirman "o éxito das medidas de choque contra a pobreza" aplicadas polo Estado -os ERTE ou o Ingreso Mínimo Vital- e pola Xunta da Galiza -coa non paralización da Risga ou a implantación da Tarxeta Básica-, ás que habería que sumar o esforzo dos concellos mais das organizacións do terceiro sector de acción social, resaltou onte a presidenta da EAPN Galiza, Eloína Ingerto.

Aproveitar o que funciona

En conversa con este xornal, Xosé Cuns pon o acento no efecto desas medidas sociais, "que a diferenza dos recortes e da austeridade aplicada polas institucións públicas na anterior crise, a de 2008, conseguiron reducir a pobreza". De non ser por ese escudo social, en 2021, no conxunto do Estado habería 1,5 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión e 127.000 máis na Galiza, polo que este tipo de intervención pública "dános a medida do que funciona. Por que frear o impacto positivo deste tipo de medidas agora, na actual crise motivada pola inflación e o aumento de prezos, sobre todo de produtos básicos e enerxéticos?, cuestiona.

Desde a Rede galega contra a pobreza defenden que medidas como a Tarxeta Básica que a Xunta suprimiu en xuño, foron directamente responsábeis da diminución de indicadores do risco de pobreza tales como a capacidade de afrontar gastos imprevistos ou a posibilidade de comer carne ou peixe polo menos cada dous días. 

"Trátase dun instrumento directo e moi centrado nas persoas en maior situación de pobreza", dixo Eloína Ingerto, quen resaltou que para moitas persoas vulnerábeis tamén foi a porta de entrada aos servizos sociais, grazas, tamén, ao alivio da burocracia. "Defendemos aproveitar o que xa funcionou", afirmou para reclamar a súa reactivación.

Feminización da pobreza

Das 678.000 persoas que en 2021 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social, 311.000 eran homes, 12.000 menos que o ano anterior, e 367.000 mulleres, 8.000 máis. As cifras apuntan un agravamento da feminización da pobreza, resultado dunha taxa de pobreza moi superior dos fogares compostos maioritariamente por mulleres, maiores e monomarentais, que no Estado alcanzan unha taxa Arope de 54,3%.

Para as mulleres a pobreza severa incrementouse de 8,7% a 9%

Por idade, o risco de pobreza e exclusión infantil e xuvenil apenas diminúe. As cifras máis elevadas corresponden a crianzas e adolescentes, cuxa taxa se sitúa en 34%, case nove puntos por riba da que rexistran as persoas adultas (25,4%) e 15 por encima da media do grupo de maiores que viron mellorada a súa situación pola estabilidade das pensións.

Pobreza severa

A taxa de pobreza -ingresos inferiores a 795 euros/mes nun fogar dunha persoa ou de 1.669 nun fogar de dous adultos con dous menores- diminuíu na Galiza de 22,1% a 20,2%. Caeu tanto para homes como para mulleres se ben o descenso foi máis acusado para os primeiros. Polo que se refire á pobreza severa -530 euros/mes unha persoa ou 1.112 dúas persoas con dous menores- caeu en 16.000 persoas, de 9,4% a 8,8%, até as  237.769 persoas. Neste caso descendeu só para os homes, de 10,2% ao 8,6%. Para as mulleres incrementouse de 8,7% a 9%.

Ademais destes, hai dous perfís novos que comezan a despuntar: as persoas que traballan e están en risco de pobreza (17,9%) e as que teñen estudos superiores.

Emerxencia en vivenda

O dereito a unha vivenda digna e accesíbel agravouse en 2021. Un 5,4% da poboación ten uns gastos de vivenda superiores a 40% dos seus ingresos, mais entre as persoas pobres esa cifra quintuplícase até alcanzar 24,8%. 

Só 15% das persoas en risco cobran unha prestación

Os niveis de pobreza alcanzan "cotas inaceptábeis" na Galiza segundo declarou onte Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO coincidindo co Día Internacional pola Erradicación da Pobreza. O sindicato urxe "medidas efectivas de protección social" para facer fronte a un problema que afecta máis de medio millón de galegas e galegos, un 20,2% da poboación.

O sistema público de pensións e de prestacións por desemprego, así como as rendas de inserción "deberían cubrir as necesidades básicas das persoas máis vulnerábeis" xa que só un 15% en risco  cobra una prestación.