Saúde

Paxlovid, o tratamento oral de Pfizer para a Covid-19 que finalmente non se usou e que causou perdas milmillonarias

Paxlovid creouse para tratar persoas cunha sintomatoloxía aguda da Covid-19. (Foto: C. Luján. POOL / Europa Press).
Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e o Estado español foron os países que máis desperdiciaron este fármaco ao ser a súa prescrición e consumo moito menores do esperado. Até 3,1 millóns de doses caducarán a finais de febreiro.

Más de 1,5 millóns de doses de Paxlovid, o medicamento antiviral contra a Covid-19 fabricado polo xigante farmacéutico Pfizer, caducaron na Unión Europea e o Reino Unido a finais de novembro, deixando tras de si unhas perdas económicas valoradas en miles de millóns de euros. Así se recolle nunha análise da consultora Airfinity, que prevé que se alcancen os 3,1 millóns de doses caducadas a finais de febreiro de 2024, cun valor que roldaría os 2.000 millóns de euros.

Reino Unido é o país con máis existencias sen utilizar, cun millón de doses caducadas, o que supón un custo de 638 millóns de euros. Outras 550.000 caducarán a finais de febreiro de 2024 e outras 650.000, a finais de xuño de 2024. Dada a baixa prescrición de Paxlovid no país, até 2,2 millóns de doses poderían quedar sen utilizar a finais de xuño de 2024, co que o valor total do medicamento desperdiciado no Reino Unido ascendería a 1.368 millóns de euros.

En Alemaña, Francia, España e Italia tamén se produciu este desperdicio, xa que a prescrición e o consumo do medicamento foron moito menores do esperado en todo o continente. A principal vantaxe deste antiviral residía na súa forma de administración que, ao ser por vía oral, permite realizar un tratamento ambulatorio dos pacientes leves con factores de risco para progresión cara á Covid-19 grave.

253 millóns de euros no Estado español

No caso español, o Goberno de Pedro Sánchez destinou, en febreiro de 2022, un crédito extraordinario de 253 millóns para a compra deste antiviral, adquirindo un total de 344.000 tratamentos. A pesar destes esforzos, resultou ser o país europeo que menos o utilizou, pois só se deu saída a 130.000 doses, caducando en novembro un total de 214.000. É dicir, desperdiciáronse máis doses das que se usaron. En termos económicos, estas cifras tradúcense nunhas perdas duns 160 millóns de euros.

A nivel global, este fármaco comercializouse por primeira vez a principios de 2022 como unha ferramenta fundamental na defensa dos países contra o virus SARS-CoV-2, especialmente para pacientes en estado crítico e inmunodeprimidos, xa que os datos dos ensaios clínicos mostraban unha redución próxima a 90% do risco de enfermidade grave.

De igual forma que o Estado español, moitos países apresuráronse a adquirir o medicamento xusto cando apareceu a nova variante Ómicron e causou un aumento sen precedentes das infeccións en todo o mundo. En palabras da daquela ministra de Sanidade, Carolina Darias, era un medicamento que se incorporaría ao Sistema Nacional de Saúde (SNS) "para seguir salvando vidas". Desde o inicio, Sanidade aclarou que o paciente ao que ía destinado Paxlovid era aquel que presentaba condicións de alto risco e enfermidade leve-moderada, sen considerar seroloxía.

Vendas por valor de 17.300 millóns

En total, Paxlovid xerou unhas vendas de 17.300 millóns de euros en 2022, pero estas diminuíron bruscamente ao manterse baixa a aceptación do medicamento. En outubro, Pfizer dixo que os ingresos por Paxlovid serían de aproximadamente 900 millóns de euros este ano, un 95% menos que os resultados de 2022. Este descenso viuse agravado pola devolución de existencias non utilizadas por parte dos Estados Unidos, o maior comprador de Paxlovid, con 54% das vendas declaradas até a data. A pesar de ser o país co maior consumo do fármaco, o Goberno estadounidense renegociou o seu acordo con Pfizer en outubro para devolver as súas existencias de 7,9 millóns de doses na transición do país á venda comercial do tratamento.

"Os gobernos estaban desexosos de comprar o antiviral de gran eficacia e enfrontábanse ao difícil reto de estimar a demanda nunha fase crítica da pandemia. Isto non significa necesariamente que unha maior aceptación non fose desexable ou puidese salvar vidas e hospitalizacións, pero a redución das probas reduciu a demanda", declara o analista de ciencias da vida de Airfinity, Marco Gallotta.

Outro factor é a diminución da carga de morbilidade en 2023, que implica unha menor demanda de tratamentos. "En conxunto, todo isto significa que os países non puideron administrar todas as súas reservas antes de que caducasen, a pesar das ampliacións da vida útil do Paxlovid", finalizou.