A Galiza recibe esta segunda feira as primeiras doses do antiviral Paxlovid contra a Covid-19.
Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, o fármaco chegará en primeiro lugar ás farmacias dos hospitais de Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo. Posteriormente enviaranse ao resto de hospitais das diferentes áreas sanitarias.
A remesa inicial do Ministerio de Sanidade con destino á Galiza representa 6% dos primeiros 11.900 tratamentos do antiviral Paxlovid que se distribuirán por todos os territorios do Estado.
Sanidade sinalou que está previsto que o Ministerio que dirixe CarolinaDarias faga novos envíos nas próximas semanas até completar a cifra de 50.000 tratamentos para o conxunto do Estado no primeiro trimestre do ano.
Paxlovid, explica o departamento encabezado por Julio García Comesaña, constitúe un medicamento que se fornecerá baixo prescrición médica e administrarase por vía oral, polo que "posibilita un tratamento ambulatorio dos pacientes leves con factores de risco para progresión a Covid grave", que controla a progresión da infección e "frea a hospitalización e morte", engade.
Respecto diso, Sanidade destaca que Paxlovid "debe administrarse canto antes após o diagnóstico da Covid e dentro do cinco días posteriores ao comezo dos síntomas".
Por tanto, subliña a Administración sanitaria que este novo fármaco engádese ás vacinas e a outros medicamentos "para evitar que pacientes positivos con determinados condicionantes poidan evolucionar a un estadío grave da enfermidade".
Lembra, ademais, que a Comisión Permanente de Farmacia do Sistema Nacional de Saúde acordou que a indicación e prescrición de Paxlovid será realizada polo profesional médico que efectúe o diagnóstico, tanto do ámbito de primaria como hospitalaria.