Un de cada tres ingresos en residencias é de persoas con patoloxías psiquiátricas

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores. (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Oposición, profesionais e sindicatos advirten da falla de persoal especializado.

Pacientes psiquiátricos, tamén menores de 65 anos, están a ingresar nas residencias de maiores da Xunta da Galiza. Centros que carecen de medios e persoal especializado para atender estes pacientes, centros onde non hai procesos de adaptación para facer fronte a esta situación, como denuncian sindicatos e profesionais. Non hai cifras sobre cantos son. A Xunta da Galiza garda mutismo a este respecto malia as demandas constantes da oposición, un silenzo que onte mantivo o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo. A deputada Marina Ortega (PSdeG) levou este tema á comisión de Política Social da Cámara galega, algo que xa fixo en ocasións anteriores, ao igual que Olalla Rodil polo BNG.

Nos últimos meses, profesionais do sector, tanto traballadoras e traballadores do ámbito das residencias, como traballadoras sociais e outros perfís profesionais dos servizos sociais comunitarios, alertábanos dos ingresos de enfermos de psiquiatría menores de 65 anos nestes centros, especialmente xente nova ou adulta con drogodependencia", manifestaba Ortega. " Que porcentaxe de persoas menores de 65 anos con patoloxía psiquiátrica residen nas residencias de maiores da Galiza?", preguntou.

Sen resposta

Antón Acevedo non respondeu á pregunta. Si avanzou que se desenvolverá unha normativa específica para crear módulos de psicoxeriatría nos centros ao amparo do plan de saúde mental do Sergas. Tamén confirmou que está en proceso de elaboración un protocolo contra as agresións e que a semana que vén impartirase o primeiro curso que dará aos profesionais dos xeriátricos "ferramentas para xestionar este tipo de casos".

Desde a oposición indican que o que debera ser unha excepción, estase a converter "en algo habitual", e indican que segundo a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais de cada 10 ingresos 3 corresponden a persoas con patoloxías psiquiátricas, debido á falta de recursos específicos para atender este tipo de casuísticas. 

Esta problemática foi denunciada xa hai uns meses por sindicatos como a CIG, que culpou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, do que cualificaba como  "grave situación de convivencia" que se está dando nas residencias da terceira idade polo ingreso de menores de 65 anos con patoloxías psiquiátrica, sen dispor de "os coidados e o persoal necesario". Alertaba a central que non existen "espazos habilitados para residentes con problemas graves de saúde mental" nestas residencias, propiedade da Xunta da Galiza, e é por isto que se están vivindo episodios de "condutas agresivas ou antisociais, pelexas entre residentes, situacións de inseguridade e medo para o persoal e as persoas maiores". 

Familiares

Desde asociacións como a Federación REDE, de familias e as usuarias das residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade, tamén se ten mostrado a súa preocupación por esta situación, lembrando que xa se teñen producido agresións.

Emerxencia social e centros necesitados de medios

O director xeral lembrou que o marco normativo autonómico é o que marca o proceso de acceso a unha praza nunha residencia. Neste procedemento, a patoloxía psiquiátrica "é unha característica clínica" de calquera das persoas candidatas "e non pode ser unha barreira" se teñen dereito a unha destas prazas.

Ademais, existe "unha excepción" a este sistema, que son os supostos de emerxencia social nos que os informes sociais e sanitarios "aconsellen" o internamento dunha persona por "razóns de interese público".

Porén, oposición e sindicatos no que inciden é en que até o de agora o Goberno galego non deu pasos para dotar as residencias de medios nin persoal especializado para atender este tipo de pacientes, co risco que iso implica.