Un de cada catro delitos de odio na Galiza está motivado pola orientación ou identidade sexual da vítima

Máis de 400 delitos de odio foron rexistrados na Galiza entre 2013 e 2019 -último ano do que se publicaron rexistros-. Deles, 124 foron pola orientación ou identidade sexual da vítima.

 

Unha parella homosexual golpeada na Coruña, pintadas homófobas na casa dun veciño de Cabo de Cruz que pendurou da xanela unha bandeira arco da vella, pintadas de “maricón muerto, abono para mi huerto” nun instituto de Lugo, unha muller trans agredida en Compostela… Son só uns exemplos de sucesos acontecidos na Galiza nas últimas semanas.

Unha listaxe á que, e á espera do que determine a investigación sobre as causas, podería acabar engadíndose o brutal asasinato de Samuel na Coruña pola malleira propinada por un fato de persoas. Amizades e familiares indican a motivación homófoba desta morte. Para esta segunda feira, hai convocadas concentracións de denuncia e rexeitamento en varias cidades e vilas da Galiza. 

“É un delito de odio”, sinalou a respecto da brutal morte de Samuel a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra. 

En 2019 rexistráronse na Galiza 76 delitos de odio, un número superior en 80% ao rexistrado no exercicio anterior, 42. O ano pasado houbo no noso país 2,8 delitos de odio por cada 100.000 habitantes, un rexistro que se sitúa por baixo da media no Estado español (3,6) mais que é moi superior á ratio que Galiza tiña en 2018 e que era de 1,6 delitos de odio por cada 100.000 habitantes.

Motivacións

Deses 76 delitos de odio rexistrados na Galiza en 2019 a maior parte (34) son motivados por ‘ideoloxía’ da vítima, seguidos dos realizados por mor da orientación sexual /identidade de xérnero (12) e por xenofobia ou racismo (9), segundo dados do Ministerio do Interior. En 2018 a cifra de vítimas rexistradas foi de 21 e un ano despois, 2019, ese número aumentou considerabelmente, até as 76. Triplicáronse.

Máis de 400 delitos de odio foron rexistrados na Galiza entre 2013 e 2019 -último ano do que se publicaron rexistros- Nesta época houbo constancia oficial de 412 delitos deste tipo no noso país. Deles, 124 estaban motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima.

Nese mesmo período rexistráronse 80 delitos de odio por racismo e xenofobia, o que supón un de cada cinco do total.

En 2014 foron 66 as vítimas de delitos de odio, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48 rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por racismo e xenofobia. En 2017 foron 41 as vítimas, a maioría delas (23) por condición da súa ideoloxía, seguidas das que o foron por motivacións de racismo ou xenofobia (9) e as de orientación ou identidade sexual (6).