Convocan concentracións en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz

Xustiza para Samuel, exixen nas redes colectivos sociais e amizades de Samuel Luiz, mozo de 24 anos asasinado na madrugada do sábado na Coruña. Faleceu a consecuencia das feridas provocadas por unha malleira propinada por un grupo de persoas. O colectivo Avante LGTB+ anuncia concetracións para a segunda feira e exixe que se esclareza se se tratou dun asasinato LGTBfóbico.

Rúas e prazas da Galiza albergarán na segunda feira 5 de xullo concentracións para denunciar o asasinato de Samuel Luiz, exixindo que se esclareza se se tratou dun asasinato LGBTfóbico como indican testemuñas e amizades da vítima. Desde Avante LGTBI+, convocante das mobilizacións de repulsa, xa teñen máis de 50 cocnentracións confirmadas en cidades e vilas galegas.

Samuel Luiz, de tan só 24 anos, auxiliar de enfermaría e veciño de Meicende (Arteixo), morreu na madrugada deste sábado 3 de xullo na Coruña a consecuencia das feridas provocadas por unha malleira propinada por un grupo de persoas.

O asasinato tivo lugar minutos despois das 3 horas da madrugada do sábado á altura do Hotel Riazor da cidade herculina.

O rapaz foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde se confirmou a súa morte. Aínda non se informou de detencións. O caso, sobre o que a xuíza de instrución decretou o secreto de sumario, está a ser investigado pola Policía Nacional.

Aínda que se espera que haxa máis concentracións, as convocadas até o de agora son este 5 de xullo ás 20 horas na praza de María Pita da Coruña, na praza 8 de Marzo de Compostela, diante do Museo MARCO en Vigo, diante do Concello da Estrada, diante do Concello de Ferrol, diante do Consistorio de Lugo, na Praza do Bispo Cesáreo de Ourense e na Praza de España de Pontevedra, diante tamén dos Consistorios de Allariz, Monterroso, Camariñas, Noia, Rebeira, Cambre, Foz, Monforte e Arteixo. En Lalín será na praza da Igrexa, en Vilalba diante da Casa da Cultura, en Bertamiráns na praza Maía, en Xinzo será na praza Pablo Casares e en Betanzos será detrás do palco da música.