Televisión

C. Tangana, sobre o seu pai: "Foi moi nacionalista galego, cando casou fixo retirar a bandeira española da igrexa"

C. Tangana e Jordi Évole. (Foto: La Sexta)

O cantante e músico de pai vigués conta en ‘Lo de Évole’ diversos aspectos sobre a súa carreira e a súa vida: “Levo ser do Celta como un símbolo de herdanza da miña familia galega".

C. Tangana, autor do himno do centenario do Celta, Oliveira dos cen anos, ten raíces galegas por parte de pai, de Vigo. Unhas raíces que fan, por exemplo, que o músico madrileño sexa seareiro do Celta ou que lembre os veráns que pasaba na Galiza de novo.

Este domingo, no programa ‘Lo de Évole’, de Jordi Évole para La Sexta, o artista Antón Álvarez falou sobre a súa familia, apuntando que a súa nai "ten 14 irmáns" e que ela e o seu pai eran o reflexo das "dúas Españas". "O meu pai foi moi nacionalista galego e sempre se sentiu estranxeiro en Madrid", recoñece C. Tangana, ao que engade: "Cando casaron, conta a lenda que o meu pai fixo quitar unha bandeira de España da igrexa, ou algo así".

 

Neste sentido, o cantante confesa que cando era pequeno para el "a bandeira de España era algo agresivo". Con todo, agora apunta que se “reconciliou” con esa enseña co paso do tempo.

Ademais, C. Tangana non se corta ao expresar a súa opinión sobre a monarquía: "Sería un movemento incríbel ter un rei que fose consciente do inxusta que é a monarquía". "Iso sería o gran legado dun rei, ou dunha raíña", defende.

Na gravacion desta entrevista o cantante tamén se manifestou sobre os seus sentimentos a respecrto do Celta, tal e como recolle un extracto que publicou o Faro de Vigo. Nel, Antón Álvarez explícalle a Jordi Évole a orixe do seu sentimento celtista, un corte que foi desbotado polo equipo de posprodución na montaxe final, e que por tanto, non se emitiu.

"Fixen o himno do Celta por min, aínda que tamén polo legado do meu pai. Fíxenme fan do Celta de Vigo porque era o equipo do meu pai e lévoo como un símbolo de herdanza da miña familia galega".

Preguntado sobre se segue a actualidade do club, o cantante foi claro: "Estou moi atento a todo o que sucede no Celta. Facer o himno conectoume de novo coma se fose un neno, tiven as miñas épocas nos que non o seguín moito, pero no momento no que me engancho ao equipo vexo todos os partidos. Do fútbol estiven tempo desenganchado, aínda que agora é unha paixón constante", explica.