As Brigadas Deseucaliptizadoras superan xa as 600 persoas voluntarias

En ano e medio de vida actuaron nunha ducia de zonas que suman máis de mil hectáreas.

Desde abril de 2018 até agora, ano e medio despois, as Brigadas Deseucaliptizadoras actuaron en máis de mil hectáreas de monte e suman xa máis de 600 brigadistas. A iniciativa que naceu da man de Verdegaia do compromiso de “·deixar de laiarse e actuar”, foi estendéndose aos poucos por todo o país.

“Chegou a hora de dicir “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”, afirmaban desde as Brigadas nos primeiros pasos desta iniciativa, que xa actuou en máis duna ducia de zonas en diferentes pontos da Galiza, da Barbanza ao Ribeiro, de Pazos de Borbén a Ferrol

Este sábado 28, no cadro das mobilizacións globais polo clima, medio cento de brigadistas bótaronse novamente ao Monte Veciñal en Man Común de Froxán, en Lousame, distinguido pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais, e no que naceu a iniciativa. Logo dunha ducia de intervencións no seu territorio, a transformación da paisaxe é evidente, rescatando de entre os eucaliptos turbeiras, zonas húmidas, carballeiras e patrimonio cultural.

O recoñecemento ao traballo veu dado pola escolla de "deseucaliptización" como palabra galega do ano 2018 ou os premios "Lush Spring Prize" e "Premio Osíxeno" outorgados neste ano.