Facer de Lentille ‘zona desacaciada’

Brigadistas nunha acción en Froxán

As Brigadas deseucaliptizadoras tamén se empregan a fondo contra outras especies invasoras, como as acacias. Estas serán o seu obxectivo nunha acción a desenvolver o día 23 en Lentille, no concello de Cenlle, na comarca do Ribeiro.

O sábado 23 as Brigadas Deseucaliptiizadoras volve á acción. Farano en Lentille, na comarca do Ribeiro, en colaboración coa asociación de veciños e veciñas e para facer fronte a “invasión da mismosa” (Acacia dealbata) que se dá nesta zona.

“Nesta roga continuaranse os traballos das anteriores intervencións de 2018 e 2019 tanto no monte comunal do lugar como en parcelas próximas”, indican desde as Brigadas.

Esta será a última intervención de ‘desacaciación’ do ano que culminaremos colocando en Lentille os sinais de “zona desacaciada”

A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érbedos, etc.). Esta será a última intervención de ‘desacaciación’ do ano que culminaremos colocando en Lentille os sinais de “zona desacaciada”. 

Máis de 600 brigadistas

Desde abril de 2018 até agora, ano e medio despois, as Brigadas Deseucaliptizadoras actuaron en máis de mil hectáreas de monte e suman xa máis de 600 brigadistas. A iniciativa que naceu da man de Verdegaia do compromiso de “·deixar de laiarse e actuar”, foi estendéndose aos poucos por todo o país.

“Chegou a hora de dicir “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”, afirmaban desde as Brigadas nos primeiros pasos desta iniciativa, que xa actuou en máis duna ducia de zonas en diferentes pontos da Galiza, da Barbanza ao Ribeiro, de Pazos de Borbén a Ferrol.