Os bombeiros pronúncianse sobre a carga policial en Ourense: "Fomos feridos, a un de nós partíronlle o nariz"

Un dos bombeiros feridos durante a carga policial esta segunda feira en Ourense (Foto: Nós Diario).
Os bombeiros indican que “esta carga feriu varios bombeiros que en actitude de defensa erguían as mans para protexerse, sumando un importante reconto de lesións de diferente gravidade nas súas extremidades superiores. No caso máis extremo, froito do golpe directo dun policía sobre a cara dun bombeiro, temos unha fractura múltiple de nariz e pómulo”.

Desde que o pasado 5 de xuño, en asemblea xeral extraordinaria de traballadores se acordara iniciar unha folga a nivel galego por parte dos bombeiros comarcais de toda Galiza que daría comezo o día 15 de se mesmo mes, os avances de cara a obter unha solución ao conflito que atravesa o sector “son nulos”.

Así o afirma o comité de folga dos bombeiros comarcais nun comunicado ao que tivo acceso Nós Diario esta terza feira no cal tamén se pronuncian sobre as cargas policiais desta segunda feira, que consideran "antiregulamentarias" e que deixaron varios profesionais feridos.

A este respecto aseguran que “a concentración en Ourense, igual que a do pasado día 20 en Pontevedra, responde ao fastío acumulado dos bombeiros, que ven como durante anos son ignorados polas administracións responsábeis”.

Os bombeiros comezaron a súa protesta achegándose á sede da Deputación de Ourense contra o mediodía, onde un cordón policial impedía o acceso ao edifico institucional. Despois dun forcexo no cal o colectivo de bombeiros tentou achegarse á entrada da sede da Deputación, os axentes da policía comezaron unha carga (descoñecemos se autorizada) na cal comezaron a dar golpes con contundencia á altura das cabezas dos manifestantes, e como se pode visualizar en infinidade de documentos gráficos, de arriba a abaixo, que entendemos non responden aos procedementos regulamentarios”, acrecentan.

Fractura múltiple

Aliás indican que “esta carga feriu varios bombeiros que en actitude de defensa erguían as mans para protexerse, sumando un importante reconto de lesións de diferente gravidade nas súas extremidades superiores. No caso máis extremo, froito do golpe directo dun policía sobre a cara dun bombeiro, temos unha fractura múltiple de nariz e pómulo”.

Lanzachamas?

No vídeo, facilitado a Nós Diario por FAC-USO, e feito público por este xornal na segunda feira, pode percibirse unha chama de lume que parece ser producida por algún obxecto en posesión dos bombeiros.

Sobre isto, o comité de folga asevera que “destacado foi tamén, polo seu efecto visual, o desafortunado emprego dun insecticida, que logo de inflamarse durante a súa exección, puido interpretarse como unha ferramenta de ameaza por parte dos bombeiros, pero cabe subliñar que o lume non chega aos axentes policiais, se non que pasa pola cabeza de moitos compañeiros antes de diluírse”.

Os motivos do conflito

O motivo polo que se abriu o conflito, segundo o comité de folga, foron os “reincidentes incumprimentos que os Consorcios de Protección Contra Incendios (participados por Xunta da Galiza e Deputacións) cometeron a respecto do compromiso adquirido cos bombeiros para o cambio de modelo así como sobre a normativa europea que regula a subrogación de traballadores”.

Así pois, as demandas neste conflito dos traballadores son: “restitución inmediata da fixeza dos contratos de traballo, consecución dun convenio marco que consolide as mesmas condicións laborais nos catro Consorcios (incluídos salarios) e un incremento de persoal para garantir unhas condicións mínimas de seguridade nas intervencións”.