Bombeiros comarcais denuncian o feche dos parques de Cee, Ribeira e Ordes nunha "nova mostra de ineptitude" da Xunta

Os bombeiros comarcais desprázanse até o Parlamento para o inicio dunha manifestación en xullo (Foto: Nós Diario).
"Desde a representación dos traballadores descoñecemos o motivo, a non ser a falta de competencia, polo que se opta por fechar 30% dos parques do Consorcio da Coruña", apuntaron.

Sindicatos como a CIG, UXT, CCOO ou Sibgal denunciaron "unha nova mostra de ineptitude" por parte da Xunta ao fechar durante a xornada deste domingo tres parques comarcais de bombeiros: Cee, Ordes e Ribeira.

A través dun comunicado, o colectivo de bombeiros comarcais, que está en folga desde o pasado 15 de xuño, sinalou que o Consorcio de Extinción de Incendios e Salvamento, dependente da Xunta, debería garantir os servizos mínimos nos 10 parques que xestiona, pero só hai persoal para 9 deles.

Ademais, criticaron que a xerencia, a pesar de contar con efectivos para abrir eses 9 parques, decidiu fechar 3 parques, os de Cee, Ribeira e Ordes.

"Desde a representación dos traballadores descoñecemos o motivo, a non ser a falta de competencia, polo que se opta por fechar 30% dos parques do Consorcio da Coruña", apuntaron.

Os sindicatos lamentaron "as neglixencias e atropelos" por parte da administración, privando a veciñanza dun servizo esencial de emerxencias, e advertiron de que esta situación "atenta contra os dereitos dos veciños".

Así mesmo, engadiron que, a pesar da folga, "ningún dos 500 bombeiros afectados exerceu o seu dereito para secundala, non sendo atribuíbel á folga dos traballadores o fechamento de ningún dos parques até o de agora".

Caso do Carballiño

A situación deste domingo súmase ao "lamentábel episodio" vivido nas últimas horas no Carballiño, onde se produciu un incendio nunha vivenda que obrigou a desaloxar un edificio.

Nesa ocasión, denunciaron, o Consorcio de Extinción de Incendios de Ourense "considerou que un único bombeiro sería suficiente para prestar o servizo a 23 concellos da comarca".

Este profesional, sinalaron, tivo que enfrontarse "a unha situación de máximo estrés nunhas condicións inaceptábeis e insultantes" para este colectivo.