O BNG acusa a Xunta de "vulnerar a lei" para "favorecer os intereses de Greenalia e do 'lobby' enerxético"

O deputado nacionalista Luís Bará, no Parlamento galego, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Luís Bará recrimina a "política de portas xiratorias do PP" que, ao seu entender, "exemplifica Beatriz Mato".

O BNG faise eco da denuncia presentada pola asociación ecoloxista Adega perante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña en relación coa presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación por parte da ex directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, na tramitación de dous parques eólicos de Greenalia, Campelo e Lamas de Feás.

"Isto é unha manifesta ilegalidade, e caerán con todo o equipo cando se pronuncie a Xustiza", dixo esta sexta feira no Parlamento galego o deputado Luís Bará, que aproveitou a súa intervención para recriminar a "política de portas xiratorias" do PP, cuestión que ao seu entender "exemplifica" a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, hoxe no Consello de Administración da enerxética galega.

Bará denunciou, na mesma liña, o "enfoque depredador" da Xunta da Galiza a respecto da normativa ambiental, logo de "reducir de 30 a 15 os días para que a cidadanía puidese recorrer estes parques eólicos perante a Xustiza", precisou.

O parlamentario nacionalista lembrou tamén a recente sentenza do Tribunal Supremo en relación co parque proxectado na serra do Iribio, "na que o Goberno do PP destruíu un espazo protexido pola Rede Natura". "Que van facer para reparar o estrago feito?", preguntou.

E tamén fixo alusión ao caso do proxecto eólico de Corme, tamén tombado pola Xustiza. "Vostedes incluso permitiron instalar unha turbeira ao carón dun aeroxerador", cuestionou, a respecto do que cualificou como "annus horribilis" para a Administración galega, o que, ao seu xuízo, "evidencia un cuestionamento social, institucional, de Xustiza, do eido consultivo e universitario" no que desde San Caetano "foron demasiado lonxe".

Aliás, Luís Bará denunciou a "barra libre" dunha política eólica "propia do far west que deixa a poboación alarmada pola liberalización realizada pola Xunta, que permite colocar un parque eólico ao carón dunha casa".

Finalmente, desde a bancada do BNG incidiron na modificación da Rede Natura proposta polo Goberno do PP a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2023, "un cambio feito pola porta de atrás dentro da lóxica da súa política depredadora".