Denuncian a Xunta na Fiscalía por presuntos delitos de prevaricación e malversación na tramitación de parques eólicos de Greenalia

Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)
A enerxética da que é conselleira Beatriz Mato tería 'aforrado' case 12 millóns de euros que se debían abonar á Facenda pública galega a raíz do comprometido no concurso eólico de 2010 pola sociedade Kaekias, adxudicataria dos proxectos Campelo e Lamas de Feás, que logo pasaron á carteira de Greenalia após absorver estoutra compañía.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza acordou a comezos de outubro a paralización cautelar da execución do proxecto eólico Campelo, promovido por Greenalia nos concellos de Coristanco e Santa Comba —que conformaría un 'macrocomplexo' canda os parques da mesma compañía Bustelo e Monte Toural—, aceptando deste modo o recurso presentado pola asociación ecoloxista Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica.

A compañía enerxética procurou a impugnación da admisión desas medidas cautelares e, precisamente a raíz da documentación achegada pola representación letrada de Greenalia, Adega tivo coñecemento dunha resolución administrativa datada do 21 de xullo de 2021 na que se "dá por executado irregularmente" o plan industrial que comprometía a asignación de potencia para os parques eólicos Campelo e Lamas de Feás, da mesma empresa, no concurso eólico impulsado pola Xunta en 2010.

O documento está asinado pola ex directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais —e hoxe secretaria xeral de Industria—, Paula Uría Traba. Contra ela diríxese unha denuncia que Adega vén de presentar perante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación de fondos relacionados coa tramitación dese mesmo plan industrial.

"Por medio desta resolución, Paula Uría aceptou a proposta de Greenalia de dar por executado o plan industrial, malia diferir na súa toalidade da proposta orixinal de 2010", sinalan desde o colectivo ecoloxista. A empresa da que é conselleira a ex titular de Medio Ambiente da Xunta, Beatriz Mato, quedou eximida así de "ter que pagar perto de 12 millóns de euros á Facenda pública", precisan.

Kaekias Eólica

Malia que Greenalia foi a executora final dos proxectos Campelo e Lamas de Feás, inicialmente foran adxudicados naquel concurso á sociedade Kaekias Eólica S.A., que obtivo 75 MW para desenvolver ambos os parques eólicos. Porén, esta asignación de megawatts tiña como condición o compromiso de Kaekias de executar, a maiores, "un plan industrial específico, ou de monetizalo nun importe económico que tería que ser depositado no fondo capital-risco do Igape no prazo dun mes desde a posta en funcionamento dos parques eólicos", explica Adega.

Mais a compañía decidiu non executar o plan industrial e monetizalo en máis de 11,7 millóns de euros, unha contía "que tería que ingresar na Facenda pública unha vez que os proxectos eólicos vinculados entrasen en funcionamento". Cando en 2016 Greenalia absorve Kaekias Eólica non só pasou a ser titular dos proxectos Campelo e Lamas de Feás, senón tamén a adquirir os seus compromisos vinculados a ambos os parques.

"Tres anos despois, en novembro de 2019, Greenalia presenta na Xunta unha proposta de modificación do plan industrial ligado a ambos os parques na que opta por facer efectiva a execución do plan industrial no canto de ingresar perto de 12 millóns de euros nas arcas públicas", afirman as ecoloxistas, ao tempo que inciden en que o plan industrial presentado por estoutra compañía "nada tiña a ver" co comprometido por Kaekias, que consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets.

Naquela altura, Greenalia solicitou á Administración que se dese por executado o plan industrial con base ao desenvolvemento de tres das súas actividades desenvoltas entre 2015 e 2019: "Un negocio hoteleiro, un proxecto de buque para a exportación do sector forestal e un proxecto de xestión de biomasa". Tres iniciativas que non se valoraran durante o concurso eólico de 2010, e así consta na citada resolución asinada por Paula Uría en xullo de 2021.

"Alén de que ao abeiro da regulación do concurso eólico de 2010 non tiña cabida legal unha modificación do proxecto industrial como a referida, Adega denuncia a especial gravidade que se deriva de que o proxecto se teña dado por executado, creando así un perigoso precedente", expoñen desde o colectivo pola defensa do medio ambiente, e advirten tamén que o modus operandi podería repetirse no caso doutros proxectos adxudicados en 2010 e que aínda se atopen en tramitación.

Aliás, fan fincapé en que Greenalia conta xa cunha filial dedicada á xestión de biomasa, unha das actividades amentadas na súa petición de non executar a monetización por valor de 11,7 millóns de euros, e que para este fin a compañía obtivo o financiamento da Xunta por medio de axudas públicas e dun préstamo valorado nun millón de euros.

"Isto significa que a resolución da dirección xeral de Planificación Enerxética denunciada na Fiscalía non só tería dado por executado irregularmente o proxecto industrial de referencia, senón que ademais teríao dado por executado en base a determinadas actividades para cuxo desenvolvemento o Grupo Greenalia obtivo axudas públicas", lamentan.

Con base nos feitos expostos, Adega solicita á Fiscalía que investigue a posíbel concorrencia dos delitos de prevaricación en concurso e malversación por parte de Paula Uría, ao tempo que avanza que requirirá á Xunta información sobre o estado de execución dos distintos plans industriais comprometidos, do mesmo modo que o de Kaekias Eólica, no concurso de 2010 e que se refiren a proxectos aínda en tramitación.