O BNG reitera a necesidade dun Plan galego de control dos fitosanitarios

[Imaxe: BNG] Xosé Luís Rivas, deputado nacionalista.
Facer un estudo entre a poboación de risco, continuado no tempo, estabelecendo as analíticas nos períodos de aplicación e nos de descanso para contrastar é a primeira medida a implementar nun futuro Plan galego e control, uso e diminución dos produtos fitosanitarios, que o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas defendeu na comisión de Agricultura. 

"O uso e abuso de produtos fitosanitarios na agrogandaría nos últimos anos aumentou considerablemente no Estado español", sostivo Rivas. "Só en glifosato, por citar o produto que é coñecido polos seus efectos nocivos, Galiza tería gastado no 2017 uns 10 millóns de euros”, afirmou.

O deputado do BNG pide un plan que protexa os traballadores e traballadoras nas actividades agrícolas e gandeiras que utilizan “praguicidas”, porque dixo, estamos pasando “a ITV á sulfatadoras pero non a quen a utiliza”. “O problema está aí cruamente. Non vale a relaxación da Administración na súa responsabilidade de controlar o bo uso de herbicidas, insecticidas, funxicidas e demais substancias químicas de carácter tóxico, de xeito reiterado, con escasa protección e cun manexo deficiente e todas aquelas persoas que profesionalmente, ou non, están expostas a estas sustancias”, insistiu Rivas, que reclama para as traballadoras e traballadores o dereito a un correcto asesoramento e formación.