Glifosato: semente de debate na Galiza

[Imaxe: Cedida]

É un dos principais protagonistas da literatura científica das últimas décadas. Tamén de numerosos debates. O suízo Henri Martin sintetizou por primeira vez o glifosato nos 50. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza.

En xuño de 2018 o xardineiro DeWayne Johnson convertíase na primeira persoa en gañar á estadounidense Monsanto, actualmente Bayer, nos tribunais. A xigante da industria agroalimentaria foi acusada de ocultar o potencial canceríxeno do Roundup. A defensa reclamou que o seu uso tería provocado o linfoma non Hodgking que Johnson padece. Dous casos máis sentaron Monsanto no banco dos acusados e ao redor de 11.000 máis penden sobre Bayer con similares alegacións.

O eco mediático que seguiu aos contenciosos contra Monsanto desenterrou unha controversia que brotou nos 90. Entón, a entrada no mercado de sementes modificadas xeneticamente para resistir os seus efectos, patentadas pola compañía, multiplicou o seu uso. É lóxico, en tanto que o Roundup é un herbicida non selectivo. Paralelamente alzáronse voces críticas alertando dos seus posíbeis impactos negativos do glifosato na saúde e no medio. O debate intensificouse cando foi clasificado pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) como “probabelmente carcinóxena para os seres humanos”. Esta decisión foi matizada polos seus produtores e parte da comunidade científica, lembrando que o grupo 2A de substancias no que se engloba inclúe a carne vermella, produtos de peiteado ou o mate.

A investigadora científica Montserrat Díaz Raviña, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSCI (IIAG-CSIC) argumenta a Sermos Galiza que o glifosato si supón un risco: “As empresas que o comercializan indican que é inocuo, pero non existe ningún produto fitosanitario que o sexa. Hai unha porcentaxe de glifosato que pasa ás augas e hai estudos que demostran que é nocivo para a vida acuática. Outra queda retida no solo e degrádase, producindo compostos que poden ser máis tóxicos que o produto inicial”.

Nuria Pedrol, investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias no Solo da Universidade de Vigo, engade que outra problemática é a proliferación de especies resistentes. En declaracións a Sermos Galiza explica: “Calcúlase que no 2050 a maior parte de herbicidas sintéticos serán inútiles. É unha das causas pola que se empregan en cantidades maiores”. No seu departamento estudan “plantas que conteñan herbicidas naturais e poidan ser aplicados como abonos verdes. O solo ten que estar cuberto e vivo, as malezas prestan servizos ecosistémicos como a atracción de polinizadores, de depredadores das pragas”.

Do Parlamento europeo ao galego

Entre os organismos que defenden a inocuidade do glifosato cóntase a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). En 2015 conduciu un estudo de revisión da literatura científica a respeito desta substancia co obxectivo de avaliar a súa continuidade no mercado. A EFSA declarouno seguro para a saúde humana e o medio. Durante este proceso unha Iniciativa Cidadá Europea recolleu máis de 1,3 millóns de sinaturas para solicitar a prohibición. Un grupo de eurodeputados, entre eles as galegas Ana Miranda e Lidia Senra, enviaron un comunicado ao Comisario de Seguridade Alimentaria, cuestionando a decisión do seu organismo, criticado nun documento asinado por 96 científicos e científicas e por medios de comunicación que denunciaron o plaxio de extractos de informes do lobby a prol do glifosato.  

A daquela deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández instou o Goberno español a opoñerse a estender a licenza do glifosato. Fernández solicitou que primase “o principio de precaución”. O Goberno optou polo voto favorábel, xunto a 18 Estados máis, e a Comisión Europea anunciou en 2017 a prórroga. Paralelamente municipios do Estado español declarábanse “libres de glifosato”. Ponteareas, en 2014, foi o primeiro na Galiza. Seguírono outros como Tomiño, A Coruña, Ourense ou Santiago de Compostela. No continente europeo Austria prohibiu o seu uso e Francia, Bélxica ou Grecia optaron por restrinxilo.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]